Máis de 65.000 emigrantes amortecen o paro xuvenil en Galicia dende o inicio da crise

Un grupo de persoas agarda quenda para viaxar CC-BY-SA Cadernos.net

Un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos abandonaron Galicia entre 2002 e 2011. Foron dez anos nos que se produciu o tránsito da chamada bonanza económica á actual crise e neles 102.019 galegos e galegas mozos optaron por probar sorte noutra autonomía e 22.826, noutro estado, segundo os datos da estatística de variacións residenciais do INE recollidos polo Instituto Galego de Estatística. De todas estas emigracións un total de 65.528 producíronse dende o ano 2007, considerado o do inicio da crise, e o 2001, último dato dispoñible nas bases de datos do IGE. Durante este tempo a taxa de paro non deixou de medrar, ata acadar o 17,4% ao remate de 2011 e o 20,7% na fin de 2012. Que relación hai entre ambos datos?

Este mesmo mércores, no marco da sesión de control no Parlamento, o presidente da Xunta era cuestionado a respecto de ambos dato no que atinxe á mocidade. A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, reprochoulle a Feijóo que en apenas catro anos "perdemos a máis do 16% da poboación entre 16 e 30 anos", unha circunstancia "máis propia dun país despois dunha catastrofe bélica" que dun territorio "normalizado". "Que medidas vai tomar vostede para frear esta derrota demográfica?", cuestionou a parlamentaria.

O presidente "coincide" na "gravidade do problema do paro, con especial intensidade, do paro xuvenil", se ben o líder popular coida que cómpre pór o acento en que Galicia é "a comunidade coa quinta taxa de paro xuvenil máis baixa" e ademais, asegura, "na comunidade autónoma onde menos mozos saen é en Galicia", xa que "a media das comunidades é o 4,1%" sobre o conxunto da poboación "e en Galicia, o 2,64%", segundo o IGE. "Non hai que utilizar a mocidade, hai que traballar coa mocidade", "nós non utilizamos os mozos e mozas para lucrarnos electoralmente, senón para poñernos á súa disposición porque son o futuro de Galicia", proclamou o xefe do Executivo.

"Se aos parados e paradas lles sumamos as persoas que deixaron Galicia a taxa de paro sería practicamente igual á media do Estado"

Neste escenario, un estudo da CIG sinalaba en días pasados que a emigración xuvenil é un factor moi a ter en conta á hora de medir o paro global no país, toda vez que a taxa de paro entre a mocidade "acada o 45% da poboación activa". "No grupo de ata 35 anos é no que máis poboación está marchando de Galiza" e, polo tanto, se non o fixese "os datos de paro aquí serían moi superiores". Así, explican, "a emigración afecta aos máis novos" e á súa taxa de paro, "pero tamén á taxa global". "Se aos 270.000 desocupados e desocupadas estimados pola Enquisa de Poboación Activa lles sumamos os 77.000 que deixaron Galiza nos últimos catro anos estaríamos falano de 347.000 parados". Esta cifra "sitúaría a taxa de paro no 25%", "cinco puntos superior á que se estima neste momento" e, polo tanto, "practicamente igual á media do Estado".

Fonte: IGE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.