Máis de 80.000 galegos establecéronse no estranxeiro nos últimos cinco anos

Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

As causas son diversas e as cifras, tamén. Pero a conclusión adoita ser sempre a mesma: un importante continxente de cidadanía galega opta por buscar a vida no exterior, máis aínda dende o comezo da actual crise económica. O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de facer públicos os datos actualizados do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), un indicador que reflicte as persoas "inscritas" no padrón de habitantes dos diversos países, "sen poder ofrecer as causas das variacións a respecto do ano anterior". Así as cousas, este dato non quere dicir que todas as persoas que se suman ao PERE emigrasen no ano no que se inscriben, pero si ofrece unha foto fixa da cidadanía que reside con estabilidade nun determinado país.

Tendo en conta estas cautelas estatísticas é posible afirmar que entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 1 de xaneiro de 2013 pasaron a estar inscritas no estranxeiro 80.213 cidadáns e cidadáns de orixe galega, xa sexa porque emigraron ou porque adquiriron a nacionalidade española tendo como referencia unha das catro provincias da comunidade autónoma. Esta cifra supón un incremento do 20,9% a respecto dos 383.599 galegos e galegas que compuñan hai cinco anos un PERE que agora está formado por 463.812 persoas, un 4,03% máis que a 1 de xaneiro de 2012.

A maioría da cidadanía galega empadroada no exterior está en América

Por continentes, o groso dos galegos e galegas residentes no exterior seguen a concentrarse en América, cun padrón que chega ás 360.796 persoas das que 158.530 residen na Arxentina. A continuación está a cidadanía galega instalada en Europa, 99.532 persoas que se concentran, sobre todo, en Suíza, Alemaña ou Francia. O resto de continentes teñen tamén galegos e galegas inscritos, aínda que nunha proporción moi inferior: en Oceanía figuran 1.632, case todos en Australia, en Asia 927 e en África, 925 persoas.

Estes datos son unha vertente máis do complexo mapa formado pola emigración e as súas causas. Hai escasos días chegaba ao Parlamento o debate en torno á mocidade que procura o futuro lonxe do país. Como relatou Praza Pública, un total de 124.845 persoas de entre 18 e 34 anos deixaron Galicia entre 2002 e 2011, 22.826 con destino ao estranxeiro e 102.019 cara a outra autonomíado Estado. De todas esas emigracións máis de 65.000 producíronse dende o ano 2007, considerado como o do inicio da actual crise económica.

Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.