Máis de 90.000 fogares galegos teñen todos os seus membros activos en paro

Aumentan as dificultades para chegar a final de mes © bestowin.wordpress.com

Dous indicadores máis que revelan a gravidade dunha crise que afecta a todos e que está deixando pegada  na inmensa maioría das familias. Segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), e a raíz do último informe da EPA, en Galicia hai perto de 300.000 fogares nos que ningún dos seus mebros é activo. Ao tempo, e tamén baixo esas mesmas cifras publicadas polo INE, agóchanse datos como os que descobren que o salario medio dos españois baixou en 2012 por primeira vez desde que se teñen rexistros. No entanto, o soldo dos banqueiros seguiu subindo.

Case o 30% dos fogares galegos non ten ningún dos seus membros activo

Así, e segundo os datos do IGE, en Galicia hai un total de 299.200 fogares onde non hai ningún membro activo, o que supón o 28,8% do total vivendas habitadas no país e que supón máis de 18.000 familias nesta situación que hai tres anos, cando o número de casas sen membros en activo era de 281.500, o que supoñía un 27,8% do total.

Pero hai cifras aínda máis duras para resumir a situación que provoca a crise entre as familias. Segundo estes datos do segundo trimestre de 2013, máis de 90.000 fogares galegos teñen en paro a todos os seus membros activos. En concreto, son 91.200 familias, o que supón o 8,9% do conxunto de vivendas, 30.000 máis nesta situación das que había no mesmo trimestre de hai tres anos, cando eran pouco máis de 60.000 (o 5,9%) as que tiñan todos os seus membros en desemprego.

Máis de 90.000 vivendas galegas teñen a todos os seus membros activos en paro, 30.000 máis que hai tres anos

Derivado destas cifras compróbase tamén como descendeu o número de fogares naque todos os seus membros activos están ocupados, pasando do 55% (558.000 familias) de hai tres anos ao 48,2% deste segundo trimestre de 2013 (501.300).

Porque os datos do paro volveron deixar en evidencia o diferencial positivo de Galicia co conxunto do Estado. O país foi unha das tres únicas comunidades na que non descendeu o desemprego, segundo os últimos datos da EPA feitos públicos o pasado xoves. Así, e mentres en España se crearon uns 150.000 postos de traballo no segundo trimestre do ano e o paro descendeu en máis de 200.000, na autonomía non só non creceu a ocupación, senón que o desemprego aumentou en 800 persoas, co que a cifra total sitúase xa nos 288.200 e a taxa elévase ao 22,4% polo 26,26% do Estado. Unha caída en picado da actividade que semella non ter fin.

 

Os salarios baixan por primeira vez

E mentres sofren o desemprego, as familias teñen que achantar tamén coa perda de poder adquisitivo derivado do paro, pero tamén das baixadas de salario que están a sufrir aqueles que aínda manteñen o seu posto de traballo. Segundo os datos do INE, o custo total por traballador no Estado para un empresario, en termos burtos, ascendeu en 2012 a 30.905,55 euros, o que supón un 0,8% menos que en 2011. O 73,2% dese custo total destinouse a salarios: 22.635,56 euros, o que supón que os empregados cobraron de media 140 euros menos en 2012, que un ano antes (daquela, 22.775,76 euros).

Os traballadores cobraron en 2012 unha media de 140 euros menos que no ano anterior

Desde que o INE realiza esta enquisa en 2001, o salario dos traballadores sempre medrara, ano a ano, unha tendencia que a crise tamén rachou. Para os sindicatos, estas cifras non son máis que a consecuencia dunha reforma laboral "lesiva" e do feito de que moito empregados sufrisen modificacións nas súas condicións de traballo, xa fose no salario, na xornada ou na cualificación profesional.

Segundo esta mesma enquisa, o 4,1% dos centros, que representan ao 11,2% dos traballadores, viron modificadas as súas condicións de traballo durante 2012, ao tempo que se produciu outro descenso, o das indemnizacións por despedimento. En 2012 supuxeron un custo medio para o empresario de 466,65 euros, fronte aos 530,37 euros de 2011. Tamén diminuíu a porcentaxe de traballadores que regularon as súas relacións laborais mediante convenio colectivo, desde o 95,7% que o facía en 2011 ao o 95,5% de 2012.

O salario medio no sector financeiro incrementouse en máis de 2.500 euros en 2012, mentres baixaba o soldo no sector da sanidade e da educación

Pola contra, o salario medio do sector financeiro, excluídos seguros e fondos de pensións, elevouse ata os 51.963 euros ao ano, 2,584 máis que en 2011. Así, a banca subiu os salarios un 10,6% de media desde o inicio da crise en 2008, fronte ao 4,6% do soldo medio no Estado. Ao tempo, os salarios no sector da sanidade e da educación tamén descenderon en 2012.

 

Vivendas por tipoloxía de actividade
  Total Fogares con polo menos un activo Todos os activos son ocupados Todos os activos son ocupados e hai inactivos Todos os activos son ocupados e non hai inactivos Todos os activos son parados Todos os activos son parados e hai inactivos Todos os activos son parados e non hai inactivos Con ocupados e parados Con máis ocupados que parados Con igual número de ocupados que parados Fogares nos que non hai ningún activo
3º trimestre 2010 1.024.200 748.200 579.900 417.000 162.900 57.900 39.800 18.100 110.300 27-800 73.900 276.000
3º trimestre 2013 1.039.100 739.800 501.300 360.800 140.500 91.200 64.700 26.500 147.300 30.000 103.300 299.200

 

Un traballador da Xunta protesta contra os recortes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.