Mariñeiros, xubilados e en loita por un retiro xusto

Bieito Lobeira, cos representantes dos mariñeiros CC-BY-NC-SA BNG

Long Hope, "longa esperanza". É o nome da asociación que un grupo de mariñeiros galegos embarcados dende os anos 60 en buques noruegueses para denunciar un "engano" e unha "estafa". Representan a uns 12.000 traballadores do mar que, nos máis dos casos, desenvolveron o seu labor en buques pesqueiros e mercantes durante máis de tres décadas. Cobraban o seu salario en Noruega e pagaban os seus impostos alí, con montantes tributarios que chegaron a alcanzar os "45 millóns de coroas anuais" ou, o que é o mesmo, uns "1.000 millóns de pesetas da época", explica o seu voceiro, Juan Manuel Lores. Pero todas esas achegas non se traduciron en dereitos á hora da xubilación. Non teñen dereito a pensión, porque non cotizaron formalmente, pero o Estado noruegués tampouco lles recoñece un dereito que si admite dende 1994, en liña cos países do seu entorno: recuperar os cartos achegados en concepto de impostos, "capitalizadas en diñeiro de hoxe".

O Estado noruegués non lles recoñece pensión de xubilación pero tamén se nega a devolverlles o equivalente ás súas achegas por impostos

Convidada polo BNG unha delegación da asociación trasladou este mércores as súas reivindicacións ao Parlamento de Galicia, a enésima porta na que petan despois de apelar á comprensión dos gobernos español e noruegués, do Congreso dos Deputados e da Eurocámara, entre outras instancias. En todas elas lles dan "a razón", pero non a solución. O Comité de Peticións do Parlamento Europeo, sinala Lores, recomendou que "os gobernos senten a negociar un convenio" para solucionar o conflito xa a propia administración norueguesa recoñece que "aquelas leis", agora reformadas para harmonizarse coa lexislación da UE, "eran inxustas". Dende o país nórdico díselles que "só cotizamos para a repatriación en caso de enfermdiade, accidente ou falecemento" pero, en calquera caso, non se lles achega un céntimo baixo o razoamento de que "non eran residentes" no país, malia que o dereito marítimo internacional recoñece como territorio dun Estado os buques adscritos ao mesmo.

"Nós temos nóminas, contratos, o pasaporte, todo o día" e Noruega "contesta que non paga a pensión" nin devolve o equivalente a "eses 45 millóns de coroas anuais" resultantes de tributar "case o 50% sobre a renda do noso soldo". O acordo polo que agardan non dá chegado e "algúns" deles, dada a súa avanzada idade, xa van "quedando polo camiño". Por iso reclaman a intercesión da Xunta e, nomeadamente, da conselleira do Mar, Rosa Quintana, por quen levan "agardando dous anos para que nos reciba". "Chamounos ela para que désemos un teléfono de contacto e poñer unha cita". "Demos tres teléfonos e aínda estamos esperando", ilustra Lores.

Esa chamada producíase despois de que o Parlamento galego aprobase, a instancias do BNG, unha proposición non de lei instando o Goberno español a traballar para solventar o contencioso. Diso hai xa dous anos, lembra o parlamentario nacionalista Bieito Lobeira, e dende entón "non se fixo absolutamente nada". Por este motivo o Bloque vén de tramitar unha interpelación para reclamar explicacións da Xunta. "O problema persiste e vaise agravando", di Lobeira, quen reprocha que ante esta "inxustiza clamorosa" os mariñeiros só atopasen "palabras e retórica positiva, pero non medidas". "Con independencia do ámbito competencial este tamen é un problema galego" e polo tanto, di, a Xunta debe "asumilo como propio" e "reclamar diante de Bruxelas, Madrid e Oslo o tempo traballado" polos afectados. "Non son números, son seres humanos, non un problema burocrático entre dúas administracións", conclúe.

Lobeira, con representantes da asociación 'Long Hope' CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.