Mellora un chisco a situación económica das familias, pero empeora a confianza no futuro

Evolución da confianza económica dos consumidores e consumidoras Dominio Público Praza Pública

No ano oito despois do inicio da crise económica, a situación segue a ser moi dura para unha parte importante da poboación. Segundo a Enquisa Conxuntural a Fogares que trimestralmente publica o Instituto Galego de Estatística, máis da metade da poboación afirma chegar a fin de mes con dificultade (46,11%) ou moita dificultade (9,52%), en porcentaxes que mesmo se incrementan lixeiramente con respecto ao trimestre anterior. Con respecto ao segundo trimestre de 2015 aumentan as familias sen dificultades (do 38,9% ao 44,37%), pero tamén crecen as que están en moitas dificultades (de 7,48% ao 9,52% xa referido).

Redúcese a porcentaxe de fogares que non se permitiron ningún extra (19,91% fronte ao 27,45% do mesmo período do ano anterior)

Outros indicadores amosan unha certa recuperación nas situacións máis urxentes, de xeito que se reduce un chisco a porcentaxe de fogares que non se permitiron ningún extra (19,91% fronte ao 27,45% do mesmo período do ano anterior). E incrementáronse aquelas familias que se permitiron marchar de vacacións unha semana (14,28% fronte ao 8,94% do ano 2015), as que puideron saír a cear fóra (71,43% fronte ao 63,09%) ou as que puideron facer fronte a imprevistos ou grandes compras (27,06% fronte ao 14,94%). Si se reduciu a proporción de fogares que aforraron ou puideron aforrar (foi o 32,89%, fronte ao 37,56% de hai un ano).

A confianza dos e das consumidoras encadea no segundo trimestre de 2016 o seu terceiro descenso consecutivo

Fronte a estes datos, si chama a atención o cambio de tendencia experimentado noutros indicadores, que trimestralmente amosan a confianza dos e das consumidoras na evolución futura da economía do país e das súas economías persoais. Este indicador de confianza, que chegara ao seu mínimo a comezos do ano 2013, fora dende entón crecendo, ata case rozar os valores positivos ao longo de 2015. Porén. a partir do último trimestre do pasado ano comezou a evolucionar de forma negativa, encadeando no segundo trimestre de 2016 o seu terceiro descenso consecutivo.

 

 

Evolución da confianza económica dos consumidores e consumidoras Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.