Menos da metade das persoas en paro cobra prestación e só o 44% recibe a contributiva

Varias persoas á porta dunha oficina de emprego © CIG

O paro mantívose case inalterable no pasado mes de febreiro. O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia reduciuse en 154 persoas con respecto a xaneiro, unha lixeira caída do 0,07% en liña co feble incremento estatal (0,2%), que contrasta coa creación de emprego: a afiliación á Seguridade Social incrementouse en 2.816 persoas. 

O paro descende en 154 persoas pero o número de afiliados á Seguridade Social aumentouse en 2.816 persoas en febreiro

Así, e segundo os datos que publica o Ministerio de Emprego, o número total de parados rexistrados queda agora en Galicia en 211.924, que son 23.344 menos (-9,9%) que no mesmo mes do pasado ano. Deles, 115.728 son mulleres e 96.196 homes, mentres que 10.039 son menores de 25 anos. A mínima redución do desemprego, con todo, dáse fundamentalmente na construción (-288), seguida da agricultura (-100) e dos servizos (-61), pero non na industria. Neste sector, o número de parados incrementouse en 60 durante o mes de febreiro. Por provincias, o paro descende en todas elas agás en Pontevedra, onde aumenta en 157 persoas. 

En canto ao número de cotizantes, Galicia conta a día de hoxe con 18.027 máis que hai doce meses, un incremento do 1,93% -moito máis baixo que no resto do Estado, onde foi do 3,4%- e que non se corresponde coa baixada do paro en máis de 23.000 persoas no mesmo período. Unha diferenza de máis de cinco milleiros debida a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. De novo, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo.

Unhas 108.000 persoas en paro non cobran prestación por desemprego; dos 104.000 que si o fan, menos da metade recibe as contributivas

As cifras, ademais, volven amosar a precariedade de moitos dos desempregados. Na actualidade, e segundo os últimos datos de xaneiro, en Galicia hai unhas 108.000 persoas en paro que non cobran prestación por desemprego. Son máis da metade dos desempregados, logo de que a taxa de cobertura volvese caer no país até se situar no 53,4%, moi por debaixo do 56,5% do resto do Estado. 

Xa que logo, do total de persoas paradas en Galicia, máis de 104.500 son beneficiarios de prestacións por desemprego, pero destas prestacións, as contributivas tan só son 45.615, o 43,63% do total. No caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 45,20 %. En cifras absolutas, a repartición queda en 47.255 percibindo un subsidio por desemprego, 45.615 contributivas, 10.960 a renda activa de inserción e 721 correspondentes ao programa de activación de emprego. 

Así, excluíndo as prestacións contributivas por seren as de maior calidade e contía, o resto son prestacións de carácter asistencial, con importes moi baixos e que sitúan os seus perceptores e moitas das súas familias nunha situación no limiar da pobreza ou da exclusión social. 

O 90% dos contratos son temporais

Ademais, en febreiro os contratos descenderon en Galicia en 7.571 (un 10,8%) en comparación con xaneiro, ata 62.323. Malia todo, son 709 máis que no mesmo período do ano anterior, un 1,2% máis. Con todo, a precariedade e a temporalidade da contratación non remata. Do total, 6.348 foron indefinidos (441 menos que en xaneiro) e 55.975 temporais (7.130 menos). Deste xeito, no acumulado, o 9,94% dos contratos galegos (13.137) teñen carácter indefinido e o 90,06% (119.080), temporal.

A "rotación e precariedade" marcan a contratación en Galicia, onde o 90% é temporal

É destacable tamén o alto índice de rotación nestas contratacións, con máis de 62.000 contratos nun mercado laboral que conta con 825.000 asalariados. "Rotación e precariedade", como destacan os sindicatos, que sinalan estas dúas características como "sinais de identidade" do mercado laboral galego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.