Menos do 20% dos traballadores que cobran máis de 30.000 euros anuais son mulleres

Porcentaxe de homes e mulleres por treito salarial a tempo completo Dominio Público Praza Pública

A Zona Franca de Vigo vén de levar a cabo un estudo sobre a igualdade de xénero nas empresas galegas, que destaca o limitado acceso da muller a postos directivos, onde representan o 24% do persoal. O informe, que foi presentado por David Regades (Delegado) na apertura do III Congreso Empresarias de Galicia, salienta que en Galicia "a presenza de mulleres nos postos de alto nivel nas empresas está moi lonxe dunha proporción equilibrada: as mulleres son maioría nos contratos temporais contra os de carácter indefinido e, en treitos salariais, a fenda entre homes e mulleres aumenta considerablemente a medida que se sobe de salario".

O informe detalla que "existe unha penalización na presenza de mulleres nos postos de alto nivel nas empresas", pois a porcentaxe de mulleres nos equipos directivos é tan só do 24%

O informe detalla que "existe unha penalización na presenza de mulleres nos postos de alto nivel nas empresas", pois a porcentaxe de mulleres nos equipos directivos é tan só do 24%. Isto leva a que nos treitos salariais máis elevados a presenza de mulleres sexa tamén escasa. Así, por exemplo, tan só o 13% dos traballadores que cobran máis de 45.000 euros son mulleres e apenas o 21% dos que cobran entre 30.000 e 45.000. A medida que se descende na escala salarial a proporción de mulleres aumenta, sendo clara maioría entre quen gañan menos de 7.200 euros anuais.

O estudo, realizado por un grupo de traballo da Universidade de Vigo, bota man dun novo indicador do servizo de información ARDÁN (Empresa Igual en Xénero), que mide tres dimensións: igualdade por funcións, igualdade por retribucións e o establecemento de políticas ou actuacións en prol da equidade de xénero. En base a estes parámetros, cada empresa obtén unha puntuación entre 0 e 1.000. Tan só o 7% das compañías cumpren cuns mínimos de igualdade.

A análise do Índice de igualdade de Xénero revela que as empresas domiciliadas na provincia de Ourense obteñen a puntuación máis destacada (494 puntos), seguidas das empresas domiciliadas en Pontevedra (448 puntos), A Coruña (397 puntos) e Lugo (358 puntos).

 

Os postos directivos na última EPA

Os datos do informe presentado pola Zona Franca coinciden cos ofrecidos pola Enquisa de Poboación activa, cuxa última entrega foi presentada este xoves. En Galicia 11.600 homes ocupan posicións de directores ou xerentes, fronte a 5.000 mulleres. Hai unha grande diferenza, igualmente, no número de "empresarios/as con asalariados/as": 43.400 homes fronte a 27.300 mulleres.

 

David Regades presentou o informe no marco do III Congreso Empresarias de Galicia © Zona Franca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.