Mexillóns e viños, entre os produtos galegos máis expostos aos novos aranceis de Trump

Trump, nunha cea con responsables económicos europeos durante o Foro Económico Mundial de Davos en 2018 © Shealah Craighead / White House

O recente ditame da Organización Mundial do Comercio favorable aos Estados Unidos de América (EUA) implica, tras quince anos de disputas, que o Goberno estadounidense pode impoñer aranceis á Unión Europea de ata 7.500 millóns de dólares anuais en compensación polas axudas de gobernos comunitarios a Airbus e o consecuente, segundo a OMC, prexuízo para a americana Boeing.

Atendendo á lista divulgada polo Goberno dos Estados Unidos, os novos aranceis afectarían no caso galego a exportacións que acadan uns 30 millóns de euros anuais

Aínda que o proceso continúa aberto, o Goberno de Donald Trump divulgou xa unha primeira lista de produtos afectados por estas novas taxas, de ata o 25%, que a Casa Branca encadra a efectos prácticos na súa política proteccionista e de guerras comerciais malia proceder da década anterior á súa chegada ao poder. Esta primeira listaxe inclúe produtos que, a priori, traerán consigo un impacto na economía galega. Non en van, entre os produtos ameazados por aranceis de ata o 25% están, entre outros, os viños e os mexillóns. Ou, o que é o mesmo, un negocio duns 30 millóns de euros anuais.

Os produtos máis exportados dende Galicia aos EUA non se verían afectados, o que si acontecería por exemplo cos peixes, moluscos e crustáceos e máis co viño

Unha ollada á balanza comercial galega cos EUA amosa que, a priori, os novos aranceis non atinxirían aos produtos máis exportados á outra beira do Atlántico, caso dos procedentes da refinaría de Repsol na Coruña ou de Inditex. No entanto, si afectan ao sector primario e agroalimentario

Non en van, as exportacións galegas de viño -incluídas no epígrafe "viños e outras bebidas" no gráfico sobre estas liñas- superaron en 2018 os 14 millóns de euros, segundo datos recompilados polo IGE, tras un notable esforzo do sector en introducirse o mercado estadounidense. No caso dos peixes, moluscos e crustáceos -dentro do epígrafe "animais vivos e derivados-, o volume exportador acadou o pasado ano os 19,12 millóns.

Tras os anos da recesión as exportacións galegas cara aos EUA estabiizáronse na contorna dos 500 millóns de euros anuais

Atendendo á información que o Instituto Galego de Estatística recompila no Departamento de Aduanas da Axencia Tributaria, as exportacións galegas aos EUA están aínda lonxe do seu máximo histórico, pero experimentaron unha notable recuperación con relación aos peores anos da crise.

Así, o pasado 2018 superaron os 500 millóns de euros por quinto ano consecutivo. Movéronse entre os 500 e 600 millóns de euros anuais dende o ano 2015, cando culminou a recuperación dende a forte caída da crise, cando estas exportacións aos Estados Unidos pasaron en apenas tres anos de case 700 millóns anuais a apenas 370. Isto é, unha redución de practicamente a metade nun trienio.

Nunha primeira reacción dende algúns dos sectores afectados mestúrase preocupación e prudencia. Pero tamén de profundo malestar, dado que este sería un dano colateral para ás empresas agroalimentarias nun conflito do que son alleas, toda vez que ten a súa orixe no sector aeronáutico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.