Miles de mariñeiros galegos da frota conxeladora ven atrasada a súa xubilación

Arrastreiro conxelador en Bueu Dominio Público Praza Pública

Milleiros de mariñeiros galegos verán como se atrasa a súa idade de xubilación ao non se lles aplicar o máximo coeficiente redutor que tiñan previsto. É a denuncia que vén de facer a Federación Galega de Alimentación, Mar e Transporte da CIG (FGAMT-CIG), que denuncia que o Goberno central foi quen decidiu que non se aplicase este máximo multiplicador aos tripulantes de palangreiros e arrastreiros da frota conxeladora galega. A central sindical advirte do "maior recorte de dereitos sociais da historia da pesca de Galicia" e anuncia xa asembleas en varias localidades para abordar a "problemática". 

"É o maior recorte de dereitos sociais da historia da pesca de Galicia", advirte a CIG

Os coeficientes redutores da idade de xubilación son un factor que se aplica para compensar a dureza de determinadas actividades profesionais e aplícase de maneira diferente segundo a especialidade e categoría do traballo. Permítese así que o traballador poida retirarse de maneira anticipada cobrando a pensión íntegra sen ter que cumprir os 65 anos esixidos na maioría dos casos. No caso dos mariñeiros, a dificultade do medio onde se realiza o labor, a cantidade de meses en alta mar ou as dificultades do emprego xustifican esta redución. 

Segundo a CIG, a decisión de non aplicarlles o maior coeficiente redutor da idade de xubilación aos mariñeiros que faenaban en palangreiros-conxeladores e arrastreiros-conxeladores figura nunha circular interna do Instituto Social da Mariña (ISM) á que tivo acceso a CIG. Xabier Aboi, secretario comarcal da FGAMT en Pontevedra, denunciou o problema en rolda de prensa e anunciou asembleas e, no caso de que o Goberno central "non atope nha solución", tamén mobilizacións nas principais zonas afectadas: Marín, Vigo, Ribeira, A Guarda e A Mariña. 

Unha circular interna do Instituto Social da Mariña aclara que non se lle aplica o maior coeficiente redutor aos palengreiros e arrastreiros

O conflito, lembra Aboi, xurdiu hai case tres anos, ao detectárense moitos casos de mariñeiros aos que lles faltan anos de cotización para xubilarse e descubrir que a Dirección Xeral da Mariña Mercante "modificara os coeficientes redutores", un dereito social, insiste, que "teñen os mariñeiros e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco como mineiros ou policías e que lles permite adiantar a xubilación”.

En conversa con Praza.gal, Aboi explica como unha serie de xestións, indagacións e xuntanzas por parte do sindicato rematan coa solicitude, por parte de Mariña Mercante e Capitanía Marítima aos armadores, da documentación  necesaria para certificar a clasificación dos buques como conxeladores e poder así aplicar o máximo coeficiente redutor aos seus tripulantes. Con todo, o ISM seguiu aplicando menores coeficientes malia confirmarse que os barcos afectados eran conxeladores

Por que? Todo se debe á devandita circular interna do ISM á que tivo acceso a CIG e onde se establece que non se poderá aplicar o máximo coeficiente redutor (0,4) aos tripulantes nunhas novidosas subclases incorporadas: as de "palangreiro-conxelador" e "arrastreiro-conxelador". Así, a Administración pasaba a facer o cálculo en función da arte de pesca e das toneladas. "Eses dous conceptos non existen no mundo pesqueiro da Seguridade Social, onde sempre se aplicou o criterio do conxelador", explica Aboi, que lembra que este criterio deixa fóra "traballadores que faenan a 330 millas da Illa de Pascua". "Acaso non teñen conxelador e van abanicando o peixe ou non están lonxe dabondo?", pregúntase. "É un claro intento por recortar os dereitos e xubilación dos mariñeiros", insiste. 

O criterio, segundo a CIG, "deixa fóra traballadores como os que faenan a 330 millas da Illa de Pascua

Tamén a eurodeputada galega Lídia Senra, de AGEe, esixiu que se "garantan os dereitos sociais" destes traballadores "aos que o Goberno do Estado lles está a atrasar a idade de acceso á xubilación malia negar, en reiteradas ocasións, que isto fose suceder". "Esta nova comunicación do ISM é unha proba de que o Estado mentía cando aseguraba que garantiría o coeficiente redutor máximo, xustificándoo como un mero axuste técnico sen consecuencias para o sector. Unha cuestión deste tipo non pode supor a perda de dereitos para os mariñeiros e mariñeiras", dixo.

"O Goberno mentiu cando dixo que era un mero axuste sen consecuencias para o sector", di Lídia Senra, de AGEe

A "mentira" do PP

“Non pode ser que este coeficientes supoñan unha discriminación, senón como se entende que un barco de 120 e 300 toneladas, un palangreiro-conxelador que faena no Atántico norte, Atántico sur, Índico ou Pácífico teña o mesmo coeficiente que un atuneiro que faena en Mauritania ou un barco do ISM que saen ao mar seis meses ao ano e está a catro días do porto base”, engade o responsable da FGAMT-CIG. A diferenza, cos novos criterios, nun traballador con 20 anos de experiencia nalgún destes barcos, podería ser de ata 3-4 catro anos. "Quen paga eses anos de máis embarcado?", din. 

Ademais, Xaboi pregúntase "que frota conxeladora queda en Galicia se quitas palangreiros e arrastreiros" e quen é o "responsable de fixar os criterios". “Está a preparar o PP máis recortes a estas flotas con este novo concepto de arrastreiro conxelador?”, insiste.

Alén disto, lembra que hai xa meses, durante un debate parlamentario en Galicia, "o PP xustificaba o recorte aludindo a unha normativa de Bruxelas que ía obrigar ás modificacións". "Era todo falso, non había nada diso, senón unha serie de borradores que non se concretaron en nada e que tiñan que ver cunha lexislación xeral e nada cos coeficientes redutores. O que a UE che di é que recortes, pero non se mete na idade a que se xubilan os mariñeiros", advirte. 

A central nacionalista acusa o PP de inventarse unha futura normativa e Bruxelas para xustificar o recorte

Por iso, acusa o PP de "mentir", ademais de "convencer outras formacións" de algo que era falso. "Que dirán agora os deputados/as do PP e de En Marea que culpaban a Bruxelas desta situación e que pedían que todo seguise igual até que non houbese unha normativa europea?”, remata, antes de pedir unha xuntanza "urxente" de todas as partes implicadas -incluíndo as patronais do sector- para "clarificar de xeito inmediato a situación e para que lles sexan restituídos os dereitos ás persoas afectadas".

Xabier Aboi, en rolda de prensa CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.