Miles de persoas loitan na rúa contra o peche de Alcoa

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Entre bengalas e as apertas que se deron traballadores galegos e asturianos rematou este venres a manifestación dos operarios de Alcoa que foi apoiada por unhas oito mil persoas na Coruña en contra do peche da planta da Coruña e de Avilés e do despido colectivo de 800 empregados entre as dúas factorías. Foi unha fronte común daqueles que sofren que a multinacional saíse sen nada da poxa de incentivos eléctricos coa que o Estado favorece aos grandes consumidores industriais.

Avilés e A Coruña volveron facer fronte común contra as intencións de Alcoa no medio da chuvia

Malia a chuvia e o mal tempo, foron moitos os coruñeses que se achegaron apoiar os cadros de persoais de Alcoa logo da tamén masiva manifestación de 15.000 persoas celebrada en Avilés no día anterior. A resposta foi boa e contundente nunha rúa na que se mesturaron proclamas, pero tamén lume e ruído, o provocado polas bengalas, os botes de fume, tambores, petardos ou gaitas.

"Soria escoita, Alcoa está en loita" ou "menos ministro e máis subministro" foron algúns dos cánticos dunha marcha á que acudiron unhas 10.000 persoas segundo os organizadores e preto de 5.000 segundo a policía local. Foron traballadores, familiares e cidadáns que se ergueron antre a ameaza dunha empresa que pode deixar na rúa 400 traballadores na Coruña -e tamén en Asturias- xa a comezos do vindeiro ano e cuxas decisións ameazan tamén á planta de San Cibrao.

"Soria escoita, Alcoa está en loita", advertiron os manifestantes, que confían na convocatoria dunha segunda poxa

Toda a oposición política en Galicia e todos os principais sindicatos acudiron á chamada duns operarios que manteñen a fe en que o ministro de Industria cumpra coa promesa de convocar unha segunda poxa de interrompibilidade para que Alcoa poida adquirir un bloque de 90 megavatios para cada factoría. De non ser posible, os custos enerxéticos seríanlle moi elevados, polo que as fábricas deixarían de ser competitivas e pecharían.

"Onde está, que non se ve, a industria do PP?", preguntábanse tamén os traballadores galegos e os máis dun cneto de asturianos que chegaron desde a comunidade veciña. "Non se pecha, non se pecha", repetían uns e outros entre aplausos. "Coruña e Avilés, a mesma planta é". "Isto é unha guerra, Alcoa non se pecha", insistiron.

Xunto a eles, traballadores da planta de San Cibrao, pero tamén da fábrica de armas, de Ferroatlántica -que tamén exixe unha tarifa eléctrica competitiva- ou de empresas en graves problemas como Sargadelos ou Celsa. Entre todos eles, os fillos dos empregados que pedían que non se xogase co seu futuro.

Entre os cargos políticos púidose ver na marcha a Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento; Rosana Pérez, deputada no Congreso polo Bloque; Yolanda Díaz, voceira de AGE; ou José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG. Tamén outros moitos representantes públicos, entre eles algún concelleiro do PP.

A marcha advirte do perigo que corren outras factorías galegas ante o sistema de poxas imposto polo Goberno central

Ao final da marcha leuse un comunicado na que os traballadores advertiron dos 400 postos de traballo que están en xogo, pero tamén que as bonificacións por interrompibilidade e o sistema de poxas imposto polo Goberno podería provocar novos axustes laborais en factorías como Ferroatlántica, Megasa, Celsa Atlantic ou SGL Carbón. Tamén se aludiu á situación excedentaria de Galicia en xeración eléctrica, reclamando unha tarifa propia que permita manter a industria. "Polos postos de traballo de hoxe e do futuro, polo dereito a vivir e a traballar na nosa terra, pola prosperidade da Coruña e da súa comarca, Alcoa non se pecha", remataron antes do abrazo entre galegos e asturianos e a interpretación dos himnos das dúas terras, unidas desta vez na loita polo emprego.

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG
Manifestación contra o peche de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.