Milleiros de persoas volveron saír ás rúas contra a "estafa" das preferentes este sábado. Unhas 6.000 ao principio e unhas 12.000 nunha marcha convoada pola plataforma de afectados polas participacións preferentes de Vigo e do Val Miñor, e coa presenza de colectivos de toda Galicia e incluso unha representación de grupos doutras zonas do Estado, os cidadáns encheron as rúas da cidade olívia para berrar ben alto "Non ás quitas", un lema coincidente co que encabezou a marcha.
Representantes políticos e sindicais (do PSdeG, AGE, BNG, CCOO, UGT e CIG entre outros), así como movementos como o do 15M ou Stop Desafiuzamentos, apoiaron na manifestación -aínda que sen distintivos nin bandeiras a petición dos organizadores- as ducias de milleiros de persoas atrapadas no considerado corralito galego. A marcha saíu ás 11 da mañá do barrio do Calvario e dirixiuse a Colón para acabar na Porta do Sol. Entre ruído constante de bucinas e berros contra os dirixentes políticos e bancarios, os manifestantes insistiron en rexeitar unha quita que, de media, e no caso de Novagalicia Banco, deixaríaos sen máis da metade dos seus aforros. Ademais, tamén reclamaron a dimisión do ministro de Economía, Luis de Guindos.
"Estou un poco decepcionado, pero non cos afectados polas preferentes, que acudiron masivamente", asegurou o voceiro da plataforma viguesa, José Manuel Estévez, que agardaba un maior apoio da cidadanía.
Ademais de amosar o seu rexeitamento ás quitas nas participacións preferentes e subordinadas, os colectivos convocantes amosaron a súa oposición tamén "ás quitas na administración da Xustiza, na Sanidade ou na Educación". A intención, segundo os organizadores, era "chamar a todo o pobo", xa que "todos sofren unha quita" cos recortes ou con problemas como os desafiuzamentos. "Todos estaban chamados á protesta, máis aló de partidos e bandeiras; temos que demostrar que todos xuntos somos capaces de cambiar as cousas", remataba Estévez.