As manifestacións, convocadas por CC.OO. e UGT percorreron as rúas de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo baixo o lema Coa educación e a sanidade non se xoga. E foron esas cuestións as que centraron as declaracións finais dos convocantes e tamén os berros e comentarios dos e das asistentes, que ademais fixeron especial fincapé da defensa dos dereitos e o benestar das persoas maiores. Segundo os sindicatos participaron ao redor de 70 mil persoas en toda Galicia.
As críticas tiveron como albo o Goberno do Partido Popular, tanto en Galicia como en Madrid, e mesmo se escoitaron intervencións acusando o PP de "pasar de ser neoliberal a ser neofascista". Así mesmo, os representantes de ambos os dous sindicatos fixeron un chamamento á unidade da oposición de esquerdas, apostando por unha alternativa "plural pero unitaria" a Rajoy e Núñez Feijoo.
Os representantes de ambos os dous sindicatos fixeron un chamamento á unidade da oposición de esquerdas, apostando por unha alternativa "plural pero unitaria" a Rajoy e Núñez Feijoo
En Santiago de Compostela os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez, lembraron que o Estado do benestar se asenta "na existencia duns servizos públicos de calidade, universais e accesibles que atenden con eficacia as necesidades da cidadanía, sempre sobre a base do principio de igualdade". Por esta razón, os dirixentes sindicais afirmaron que o gasto social destinado a manter os servizos públicos "é o mellor investimento que os gobernos poden facer para favorecer a saída da crise". José Antonio Gómez e Sánchez Aguión reclamaron que estes servizos sexan de xestión pública directa, "fórmula que mellor garante o acceso universal, a equidade e a calidade", afirmaron.
Os dirixentes sindicais afirmaron que o gasto social destinado a manter os servizos públicos "é o mellor investimento que os gobernos poden facer para favorecer a saída da crise"
Os dous sindicatos tamén lembraron que, segundo datos de EUROSTAT do ano 2009, en España o gasto social en porcentaxe do PIB foi do 25%, mentres que na UE-15 foi do 30,3% e na UE-27 o 29,5%, cunha taxa de empregados e empregadas públicos tamén inferior á media comunitaria.
Para os máximos reponsables de CCOO e UGT en Galicia, o máis preocupante para os próximos meses é o anuncio do Goberno do Estado dunha nova definición da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde, que se dividirá en tres niveis diferenciados: a carteira común básica de servizos asistenciais, a carteira común suplementaria e a carteira común de servizos accesorios, que poderá incorporar un repagamento segundo o tramo, mediante a aseguranza privada ou o pagamento efectivo no momento da prestación. Na súa opinión, isto poderíanos levar a un sistema dual e romper o principio de solidariedade que ten o actual sistema.
Pachi Vázquez pide máis impostos para a banca e os grandes patrimonios
Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE, participou na manifestación de Santiago de Compostela. Alí afirmou que "é evidente que os responsables desta crise non son os nosos maiores nin son os nosos fillos que están estudando, senón que o responsable é un sistema financeiro especulativo" e denunciou que "este Goberno quere cargarlle a responsabilidade aos maiores, aos enfermos e aos estudantes". Pediu tamén que o Goberno aplique máis impostos á banca e aos grandes patrimonios.