A crise de débeda soberana da eurozona resultou un punto de inflexión non só na maneira de acometer reformas monetarias, senón tamén políticas. Mais se as primeiras son máis claras e directas, a inxerencia política de organismos económicos é unha criatura que acaba de comezar a camiñar. Grecia, dúas veces rescatada para facer fronte ás débedas externas (non para acometer medidas de estímulo, o que non rexenera a actividade do país), será practicamente unha filial de Bruxelas. A chamada troika (UE, FMI e BCE) analizará e aprobará, de ser o caso, o gasto que pretenda acometer o Goberno do tecnócrata Lukas Papademos.
España terá que enviar, por exemplo, un borrador de Orzamentos Xerais do Estado antes do 15 de outubro
Pero esta circunstancia non é algo que afecta só a Grecia. E os propios países que forman parte do euro o aceptan de maneira voluntaria. Así sucedeu este mesmo luns, día en que se reuniron en Bruxelas os ministros de Economía e Finanzas europeos. Amais de avaliar o paquete de medidas de Atenas, que sería merecedor ou non dun novo desembolso millonario, os representantes de todos os países acordaron someter a control previo as contas públicas de cada Estado.
Control das contas
España terá que enviar, por exemplo, un borrador de Orzamentos Xerais do Estado (PGE, nas siglas en castelán) antes do 15 de outubro do ano anterior ao que fan referencia ás contas. Iso é, apenas un mes despois de presentalas á cidadanía e sen tramitación parlamentaria. Bruxelas analizará e decidirá antes que a oposición elixida polos cidadáns a conveniencia ou non das contas públicas españolas. No caso de países con severas dificultades para reducir a taxa de déficit (como España), o control será aínda maior.
Para Bruxelas é un proceso de "monitorización" das contas, especialmente do gasto. Moncloa prevé que a peche de 2011 o déficit poida chegar ao 8%. Chegar a decembro de 2012 cun déficit do 4,4%, tal e como esixe a Comisión, obrigaría a Rajoy a plantexar un recorte de máis de 40.000 millóns de euros.