Moncloa eliminará a web que buscaba investidores pola "identificación coa empresa" dos galegos

Fontenla, Guerra, Feijóo e Varela de Limia, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Conchi Paz

O Consello de Ministros aprobou este venres a extinción, liquidación ou saída de 80 empresas públicas. O aforro será de pouco máis de un millón de euros nos conselleiros das mesmas sociedades, como avanzou na rolda de prensa a vicepresidenta do Executivo, Soraya Sáenz de Santamaría. Unha das firmas que serán suprimidas é a Sociedad Estatal para la Promoción y Atracción de las Inversiones Exteriores, S.A, que funciona a través da web Invest in Spain (inviste en España). Esta sociedade pública, creada en 2005, ten entre as súas funcións a de ""ransmitir unha imaxe de España asociada a un país competitivo, crecentemente internacionalizado e dotado de recursos humanos e tecnolóxicos adecuados ao proceso de globalización dos mercados e as economías".

"A formación, así como a disposición ao traballo e a identificación coa empresa son aspectos característicos e reseñables do carácter galego"

Segundo apunta na memoria correspondente ao ano 2010, Invest in Spain tramitou 42 proxectos que foron implantados por todo o Estado, dos cales dous se radicaron en Galicia. Non especifica que proxectos son, onde se instalaron nin cando. Esta web, amais do contido xenérico, ten un apartado relativo ás "regiones" elaborado polas propias comunidades autónomas. No caso galego, e como chamado ao investimento estranxeiro, apunta o feito de que Galicia "ofrece aos potenciais investidores un importante armazón industrial dentro dunha contorna natural inigualable". Para o Igape, encargado de remitir esta información a Invest in Spain, "a formación, así como a disposición ao traballo e a identificación coa empresa son aspectos característicos e reseñables do carácter galego".

 

Investir en Galicia

"Situarse en Galicia implica acceder dunha maneira directa ao mercado español e portugués que totaliza máis de 50 millóns de persoas de alto nivel adquisitivo", engade o portal. Entre as razóns para investir en Galicia o Igape menciona, tamén, as "modernas" infraestruturas: tres aeroportos, dous portos exteriores e unha "completa" rede de estradas. "Centrais hidroeléctricas, térmicas, minicentrais hidráulicas e parques eólicos converten Galicia nunha comunidade excedentaria en produción eléctrica.

Entre as principais empresas galegas menciona Inditex, Fadesa (agora é Martinsa Fadesa) ou Constructora San José

O crecemento do sector está a ser impulsado pola enerxía eólica e por unha incipiente produción ligada á preservación ambiental", insiste o portal. Entre as principais empresas galegas menciona Inditex, Fadesa (agora é Martinsa Fadesa) ou Constructora San José.

 

Invest in Galicia

Á marxe da desaparición da Sociedad Estatal para la Promoción y Atracción de las Inversiones Exteriores, S.A, en Galicia tamén existe un portal chamado Invest in Galicia, xestionado polo Igape. Na mesma web, que ten datos actualizados de 2011 (non toda a páxina está modificada), incide en que "o mercado laboral español caracterízase pola escasa conflitividade existente e pola posibilidade de pactar convenios colectivos. A flexibilidade nas relacións laborais e a dispoñibilidade de incentivos á contratación fomentan o desenvolvemento dun mercado laboral áxil e dinámico", di. E, sorprendentemente, afirma que "o sistema fiscal é moderno e competitivo, como o demostra o feito de que a presión fiscal, medida como a porcentaxe de impostos e seguridade social sobre o PIB, se atope cinco puntos por baixo da dos países da nosa contorna". A mensaxe conservadora en España é precisamente a contraria, e inciden en que o esforzo fiscal é moi elevado.

A campaña contratouse con Guerra (na imaxe, con Feijóo) como conselleiro CC-BY-NC-SA Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.