Monge: "Houbo un pacto continuado entre o PP e o PSOE que prexudicou a Galicia e o seu tren"

Capa do libro © Difusora de Letras, Artes e Ideas

"Galiza perde o tren –teremos un tren de alta velocidade de conexión coa Meseta case trinta anos despois de que o AVE chegase a Sevilla– porque así o decidiron os sucesivos gobernos do estado e non pola nosa climatoloxía, orografía, dispersión da poboación ou dificultades técnicas". Manuel Monge conclúe en Perdemos o tren. As claves políticas do atraso (Difusora de Letras, Artes e Ideas) que as razóns para os sucesivos adiamentos da conexión da alta velocidade ferroviaria coa meseta son estritamente "políticas", froito "dun pacto continuado entre o PP e o PSOE". A obra fai un percorrido histórico polos debates e decisións ao redor do tren en Galicia, e observa paralelismos entre a tardía chegada do primeiro tren, no século XIX e comezos do XX, e a actual situación do AVE.

Tamén denuncia o abandono do tren de proximidade, e as deficientes comunicacións internas por ferrocarril entre as distintas cidades e comarcas galegas, tamén por "unha falta de vontade política". "Os acordos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados foron sistematicamente incumpridos ou boicoteados. Hai que acabar con esta farsa", conclúe. 

Monge, que xa presentou o libro en Ferrol a pasada semana, farao este luns en Ourense (ás 20 horas no Café Cultural Auriense), e mañá martes na Coruña, ás 19.30 horas en Portas Ártabras (na cidade vella), acompañado de Alberto Díaz, da Plataforma Comarcal en Defensa do Tren. Están tamén previstas presentacións en Compostela (o vindeiro 26 de xuño) e Vigo. E Monge expresa o seu desexo de facelo máis adiante tamén en Angrois, "se os veciños e veciñas queren", como unha forma de "felicitar os veciños polo traballo no día do accidente e toda a súa actitude nos días seguintes". Case un ano despois da traxedia, Monge concorda coa plataforma de afectados que "non se pode formar unha Comisión de Investigación e que estean nesa Comisión os mesmos que participaron en todas as decisións que provocaron o accidente".

"O libro amosa, a través de moitísima documentación, como houbo un pacto continuado, entre o PP e o PSOE, para tomar iniciativas políticas que prexudicaban moito a Galicia e ao seu tren"

No libro fas un percorrido histórico pola historia do tren en Galicia, e estableces un paralelismo entre os actuais atrasos e os que se viviron no século XIX. Que puntos teñen en común os dous procesos? Cal é o fío condutor do libro?

O libro, sobre todo, trata de recuperar a memoria. Eu sempre estou moi preocupado polo tema da recuperación da memoria, neste e noutros ámbitos. Porque doutro xeito van ir pasando os anos e vaise esquecer como se desenvolveu todo este proceso, e algúns dos culpables do atraso da chegada da alta velocidade a Galicia, como José Blanco, van quedar como uns campións, cando en realidade non o son. No libro analízase todo o camiño seguido nas últimas décadas, e destácase como hai 15 anos o PP presentaba unhas medidas moi negativas para Galicia e os deputados do PSOE estaban caladiños, aprobando eses recortes. O libro amosa, a través de moitísima documentación, como houbo un pacto continuado, entre o PP e o PSOE, para tomar iniciativas políticas que prexudicaban moito a Galicia e ao seu tren. Cando gobernaba un, protestaba o outro, e cando gobernaba o outro, protestaban os primeiros, pero sempre dentro dunha orde; en realidade ían asinando convenios que o que facían era adiar a chegada da alta velocidade.

Unha situación semellante á vivida hai un século?

Reprodúcese a situación histórica que xa vivimos, si, mesmo na República, cando o deputado Basilio Álvarez protestou contra a paralización das obras da liña Ourense-Zamora, en 1932. Grazas ás mobilizacións que houbo nos concellos e nas deputacións conseguiuse que se reanudasen as obras. E Álvarez dixo naquel ano 32 unha frase moi importante: “o que non chora non mama”. Foi a mobilización cívica a que modificou a situación. Ao igual que pasou nos últimos anos.

"Basilio Álvarez dixo naquel ano 32 unha frase moi importante: “o que non chora non mama”. Foi a mobilización cívica a que modificou a situación"

Ligado ás mobilizacións posteriores á catástrofe do Prestige?

Si, eu no libro digo que o AVE que chega a Galicia hai que bautizalo como o AVE do Prestige. En realidade, as previsións que había por parte dos gobernos do PP e do PSOE eran as de facer un tren de terceira categoría: para o treito Lubián-Ourense estaba previsto facer unha soa liña, sen electrificar e cunha velocidade media de 120 quilómetros por hora. Foi a mobilización de 200 mil persoas en Compostela o 1 de decembro de 2002, ou o medio millón de persoas que se manifestaron en Madrid meses despois as que provocaron que se modificasen os plans, acadando o compromiso de que as viaxes entre A Coruña e Madrid, e entre Vigo e Madrid non superarían as catro horas. E agora hai un compromiso, a ver se se cumpre, de reducir os tempos a tres horas.

Cumpriranse as promesas?

Houbo xa moitas promesas, e foron incumpríndose, de que se ía rematar o enlace coa meseta en 2006, despois pasouse a 2010, despois a 2012. Aquí pasou unha cousa curiosísima: pouco antes das eleccións autonómicas de 2009, tanto Emilio Pérez Touriño, coma José Blanco, coma Magdalena Álvarez prometeron que o AVE estaría rematado en 2012. Feijoo gaña as eleccións e poucas semanas despois José Blanco di publicamente que non podía ser, que a data de 2012 non se podía cumprir. A seguir, chega o Pacto do Obradoiro, entre Feijoo e Blanco, no que sinalan como data de referencia 2015. E cando gaña Rajoy as eleccións xa din que non pode ser 2015, que ten que ser 2018. Está por ver.

"Dende o ano 2000 figuran nas contas públicas unhas cantidades tremendas de investimentos que nunca se executaron"

Que data cres que é a máis probable, en función do actual contexto?

Hai unha serie de elementos que están no aire. Na liña Ourense-Vigo, por exemplo, iniciáronse os traballos hai dez anos, e agora mesmo o seu orzamento sería de 2.330 millóns de euros. Vaise facer esa liña? Está no aire. A liña A Coruña-Ferrol está totalmente paralizada; agora dise que a liña chegará a Ferrol dentro dun programa de infraestruturas no período 2014-2024, cando o estudo foi iniciado en 2001. A liña Santiago-Vigo parece que se vai adiar até o 2015. As liñas Ourense-Lugo, Lugo-Ponferrada ou A Coruña-Lugo, pois nin se sabe. Houbo ademais unha tomadura de pelo con respecto a Galicia nos orzamentos do Estado. Dende o ano 2000 figuran nas contas públicas unhas cantidades tremendas de investimentos que nunca se executaron, ao redor de 2.500 millóns de euros que se deixaron de investir.

"Non se pode, ano tras ano, aprobar no Parlamento por unanimidade unha serie de acordos que benefician a Galicia e ao día seguinte ir a Madrid e votar exactamente o contrario"

Neste proceso, ademais, esqueceuse e tren de proximidade, e mesmo se foi desmantelando o que xa había, non si?

Hai que potenciar o tren de alta velocidade, pero tampouco se poden deixar de lado as necesidades de intercomunicación  das cidades galegas, non se pode deixar morrer o tren de proximidade. O tren de proximidade non existe simplemente por unha decisión política. Hai tren de proximidade en Madrid, en Bilbao, en Barcelona, en Valencia e en moitos máis sitios. E non se pode potenciar cando por exemplo, nos orzamentos do Estado para este ano hai unha partida de 52 mil euros para a liña A Coruña-Ferrol. Que vas facer con iso? Habería que esixirlle a PP e PSOE un compromiso público con Galicia. Non se pode, ano tras ano, aprobar no Parlamento por unanimidade unha serie de acordos que benefician a Galicia e ao día seguinte ir a Madrid e votar exactamente o contrario.

"Ao final, o que queda é que o PP lle bota a culpa ao PSOE e o PSOE bótalla ao PP. A nós non nos interesa se a culpa é dun ou doutro, o importante é tomar medidas"

Vai facer un ano do accidente do Alvia. Como valoras o proceso de investigación e de asunción de responsabilidades que se seguiu?

Eu asumo totalmente os criterios e as denuncias que fixo a plataforma de afectados. Non se pode formar unha Comisión de Investigación e que estean nesa Comisión os mesmos que participaron en todas as decisións que provocaron o accidente. Non ten ningún tipo de credibilidade. E, ademais, o informe que redactou o xefe de Maquinistas de Ourense bota abaixo toda a argumentación de Adif, que dixo que non tiña nada que ver no accidente. Ese documento proba que houbera denuncias previas dos perigos existentes. Ao final, o que queda é que o PP lle bota a culpa ao PSOE e o PSOE bótalla ao PP. A nós non nos interesa se a culpa é dun ou doutro, o importante é tomar medidas. E a día de hoxe os problemas non están solucionados, non se adoptaron medidas para asegurar a detención do tren no caso de que supere unha certa velocidade. Creo que a Plataforma leva a razón en esixirlles responsabilidades, tanto aos dirixentes do PP coma do PSOE.

Capa do libro © Difusora de Letras, Artes e Ideas
Manuel Monge © http://www.foroporlamemoria.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.