Nace a primeira comercializadora de electricidade exclusivamente galega

Captura de pantalla da web de Enerxía Galega © http://enerxiagalegamais.es/

A liberalización do mercado eléctrico, unido ao acelerado encarecemento que a factura da luz experimentou nos últimos anos, está animando o nacementos de alternativas nas que os consumidores de poden beneficiar de mellores prezos, ademais de aumentar a súa capacidade de decisión sobre o seu consumo eléctrico. Por un lado están as cooperativas de consumo, de carácter horizontal e nas que aos prezos máis reducidos se engaden as vantaxes de ofrecer a distribución de enerxía verde ou a toma de decisións sobre as accións da entidade. Por outro lado están as empresas comercializadoras, que comezan a presentar ofertas diferenciadas das que até agora tiñan as grandes distribuidoras.

A liberalización do mercado eléctrico, unido ao acelerado encarecemento que a factura da luz experimentou nos últimos anos, está animando o nacementos de alternativas

É o caso de Enerxía Galega Máis, unha empresa con sede en Vigo que se publicita como "a maior comercializadora de enerxía galega con produtos específicos pensados para os galegos", que nace para abrirse paso nun mercado "hoxe dominado por 4-5 grandes compañías, cuxo obxectivo é obter a máxima rendabilidade a costa dos usuarios finais, aproveitando a falla de coñecementos dos seus clientes". "Pola climatoloxía, polo histórico de electricidade e pola capacidade que temos de xerar enerxía era imprescindible crear produtos axeitados ás necesidades dos galegos", destaca Javier Cora, xerente da empresa.

Pero que é unha comercializadora de enerxía? O mercado da enerxía está dividido en catro fases e empresas diferentes: xeración, transporte, distribución e comercialización. Dende hai anos o mercado está liberalizado, polo que o consumidor pode elixir quen lle vende a electricidade, o seu comercializador, como sucede coa telefonía, na que se pode elixir operador independentemente de que este conte cunha rede. As comercializadoras son distintas das distribuidoras, que son as propietarias do cable que chega até os fogares, e tamén dos contadores, e que se dedican exclusivamente a construir, manter e operar a rede eléctrica, as lecturas e os servizos de avarías 24 horas. E por este motivo, quedan cunha parte do pagamento dos recibos, independentemente de con quen se contratara a comercialización. 

Comercializadoras como Enerxía Galega Máis ofrecen distintas modalidades de tarifa, ademais do actual pagamento bimensual

Comercializadoras como Enerxía Galega Máis ofrecen distintas modalidades de tarifa, ademais do actual pagamento bimensual. Por exemplo, unha tarifa plana, pola que os consumidores pagarán o mesmo pola enerxía, independentemente do que consuman e independentemente tamén da evolución dos prezos públicos. Ademais, a empresa ofrece facerse cargo das facturas se o cliente queda no paro por un periodo equivalente ao tempo que levase o consumidor contratando os servizos da compañía. Noutra oferta, ofréceselle ao cliente pagar cada mes en función da evolución dos prezos, unha opción que, aseguran, permite chegar a tarifas máis baixas.

Con todo, esta mesma semana a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) presentou un informe que aseguraba que os contratos de subministro de electricidade no mercado libre permiten obter un desconto de só 13 euros ao ano con respecto á tarifa regulada. Isto é debido, entre outros factores, a que o consumo eléctrico cada vez representa unha parte máis pequena das facturas, apenas o 16% de todo o que pagamos, moi lonxe do que significan outras partidas, coma a potencia contratada (22%), impostos (21%) ou peaxes (40%).

O consumo eléctrico cada vez representa unha parte máis pequena das facturas, apenas o 16% de todo o que pagamos, moi lonxe do que significan outras partidas, coma a potencia contratada (22%), impostos (21%) ou peaxes (40%)

Ademais, a empresa denuncia as estratexias das actuais comercializadoras para cobrar máis, a través da inclusión de partidas e servizos que os consumidores nin necesitan nin aproveitan. Por exemplo un habitual “seguro” contra avarías: "É un xeito máis que teñen as outras comercializadoras de cobrarte de máis e de facer máis complexa a túa factura". "Ese suposto seguro" -din- "non cobre ningunha avaría de dispositivos ou pezas de máis de 50 euros. Así que se a túa lavadora, televisor ou calquera outro aparello queda danado por un fallo no servizo, dificilmente será cuberto con eses 50 euros. A maiores, case todos os fogares xa teñen un seguro de fogar. Por que pagar dúas veces polo mesmo?"

Enerxía Galega Máis situou como obxectivo chegar "a cada recuncho de Galicia" e para iso acaba "de sacar a rúa" 250 asesores que nos vindeiros meses percorrerán as cidades, as vilas e as aldeas galegas "para dar un trato personalizado e buscar a mellor solución para cada fogar", aseguran. A empresa conta con oficinas en Vigo, cun equipo dunhas trinta persoas entre enxeñeiros e operadores de atención ao público.

Captura de pantalla da web de Enerxía Galega © http://enerxiagalegamais.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.