Navantia afirma non ser "viable a curto prazo" e anticipa despedimentos

Manifestación do persoal do naval ferrolán CC-BY-NC-SA Susete

Malas noticias acumúlanse, un día si e ao outro tamén, para o sector naval. O incumprimento de compromisos, os atrasos das resolución doutros, a confirmación de perda de contratos van deixando unha situación de abismo. Os últimos golpes: a confirmación de que os gaseiros que Navantia confiaba construír nas súas factorías en España, entre elas a de Ferrol, marcharán para Asia, as novas dúbidas sobre os contratos de Pemex, que ademais volve adiar (desta volta até o 30 de decembro) a concesións dos floteis, e finalmente a asunción por parte de Navantia, no plan de viabilidade que prepara para o periodo 2014-18 de que a empresa non é "viable a curto prazo" e que non é "competitiva nin sostible", segundo adianta La Voz de Galicia.

Navantia prevé unha redución de custes superior ao 50%, nas previsións máis optimistas, isto é, mesmo contando cos gaseiros que finalmente non construirá

Os empregos dous mil traballadores que a empresa ten en Ferrol corren un grave perigo, segundo este documento, que prevé unha redución de custes superior ao 50%, nas previsións máis optimistas, isto é, mesmo contando cos gaseiros que finalmente non construirá. A carteira de pedidos caeu un 70% nos últimos catro anos, pasando de 5.091 millóns no 2008 até os 1.636 en 2012. E a ausencia de encargos por parte da Armada non foi suplida por outros contratos de construción ou reparación. E tampouco polo ansiado dique flotante, que tampouco chegará. Témese unha nova reconversión do naval na ría de Ferrol, unha máis. Navantia, a través dun comunicado, desmentiu estas informacións, sinalando que a empresa "ten futuro, aínda que debe acometer transformacións para ser máis competitiva" e que quere "lograr esas transformacións mantendo o nivel de emprego nos seus centros de traballo".

Mesmo dende o Goberno galego e outras administracións xestionadas polos populares, por exemplo o Concello de Ferrol, apúntanse as críticas en dirección a Revuelta, se cadra como unha especie de cabeza de turco a unha nefasta xestión global

O presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, que leva un ano e medio no cargo, abandonará probablemente o seu cargo, despois dunha traxectoria na que a empresa foi incapaz de acceder a novos contratos. Mesmo dende o Goberno galego e outras administracións xestionadas polos populares, por exemplo o Concello de Ferrol, apúntanse as críticas en dirección a Revuelta, se cadra como unha especie de cabeza de turco a unha nefasta xestión global. Este xoves Alberto Núñez Feijoo cargou con dureza contra Navantia e o seu presidente: "Navantia xa está incumprindo de forma clarísima o seu compromiso. Non hai ningunha posibilidade de xustificar esa falta de acerto en Navantia cando non é quen, en dous anos, de conseguir carga de traballo" e sinalou que "as empresas públicas teñen que conseguir contratos, porque se non, os seus directivos non están cumprindo as súas obrigas. E cando non cumpren as súas obrigas non merecen estar nunha empresa pública".

Este xoves Alberto Núñez Feijoo cargou con dureza contra Navantia e o seu presidente: "os seus directivos non están cumprindo as súas obrigas. E cando non cumpren as súas obrigas non merecen estar nunha empresa pública"

De igual xeito, o rexedor ferrolán, José Manuel Rey Varela, pediu este mércores "explicacións inmediatas" a Navantia pola perda dos gaseiros e sinalou que o presidente da compañía "tería mentido a todos os ferroláns". "Creo que teremos que empezar a falar de responsabilidades políticas", concluíu Rey Varela. A marcha de Revuelta, sen experiencia na construción naval (foi directivo da cementeira Portland Valderrivas) dáse por segura no marco dunha reestruturación máis ampla do SEPI.

Algunhas fontes apuntan a que o fracaso nos intentos de obter os contratos dos gaseiros era coñecido de antemán, e que Navantia simplemente se incorporou, case á desesperada, a un concurso xa en marcha, e no que sabía que as súas opcións eran nulas. Os catro gaseiros, dunha filial de Gas Natural e Repsol, forman parte dun concurso internacional que se abriu o pasado abril e ao que se presentaron 18 ofertas. E en ningunha delas atopábase Navantia. O contrato resolveuse en setembro e os gaseiros foron adxudicados a un grupo noruegués e á galega Elcano, que presentaron as súas ofertas en alianza con estaleiros coreanos e xaponeses. Neste tema, como no de Pemex, os traballadores denuncian a desinformación á que se ven sometidos pola empresa e por certos medios de comunicación, e critican a sucesión de promesas incumpridas e de afirmacións desmentidas unha e outra vez polos responsables de Navantia e polos representantes políticos.

O problema é máis profundo, pois a construción dun flotel suporía unha ocupación "moi pequena" para Navantia e tería "unha repercusión ínfima na industria auxiliar"

O secretario del comité de empresa de Navantia Ferrol, Lito Blanco, sinalou este mércores que o que importa é que "non temos carga de traballo por moito que o goberno galego e a empresa siga dicindo que os floteis os temos adxudicados”. Engadiu que, en calquera caso, o problema é máis profundo, pois a construción dun flotel suporía unha ocupación "moi pequena" para Navantia e tería "unha repercusión ínfima na industria auxiliar".

 

Denuncia do Comité Cidadán

"A adxudicación dos gaseiros aos estaleiros asiáticos demostra o interese real, de Reganosa e os seus socios, polo emprego nesta comarca"

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ao fío da resolución negativa dos contratos de construción dos gaseiros dunha filial de Gas Natural e Repsol, sinala que "a adxudicación dos gaseiros aos estaleiros asiáticos demostra o interese real, de Reganosa e os seus socios, polo emprego nesta comarca". Gas Natural é un dos principais accionistas da regasificadora instalada en Mugardos, fronte ao porto de Ferrol.

A entidade sinala que "é rechamante que nos útimos anos os directivos de Reganosa nos veñen bombardeando con que Reganosa promove o traballo en Navantia, coa reparación de gaseiros, vestíndose con plumas alleas, xa que Navantia vén realizando estas reparacións desde 1993". E engaden que "estando os nosos sen carga de traballo, a construción destes catro buques, serviría para paliar a gravísima situación que atravesamos cando máis de dous mil traballadores das Compañías Auxiliares xa están na rúa".

O Comité Cidadán conclúe que "unha vez máis aos traballadores e cidadanía desta comarca tocaranos seguir padecendo a ameaza para as nosas vidas da planta de Reganosa, a seguir pagando a estafa da subida continuada da tarifa eléctrica e asistindo á destrución do ecosistema da ría. Todo iso coa complicidade dos gobernos de Rajoy e de Feijóo"

Manifestación dos traballadores do naval ferrolán, este mércores CC-BY-NC-SA Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.