Navantia, SEPI e Xunta rexeitan financiar o dique flotante tres días despois das eleccións

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Navantia e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) din agora que non se poden facer cargo do financiamento do demandado dique flotante que se reclama para o estaleiro público de Ferrol, a non ser que se reduza o seu custo, tal e como se trasladou na Comisión de Seguimento celebrada este mércores, tres días despois das eleccións autonómicas, e na que se anunciou que se realizará unha consulta á UE sobre a construción desta infraestrutura.

A comisión de seguimento reuniuse días despois das eleccións logo de meses pedindo a xuntanza

A comisión de seguimento, pendente desde o mes de agosto e que reclamaron os traballadores de Navantia cun peche dun mes no Concello de Ferrol, celebrouse no estaleiro de Navantia Ferrol, coa presenza do presidente da SEPI, Ramón Aguirre; o conselleiro delegado de Navantia, Jaime de Rábago; o director xeral de Industria da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces; e máis os representantes sindicais dos comités de empresa de Ferrol e Fene e portavoces e alcaldes da comarca.

Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa de Navantia, cualificou logo de "confusa" o resultado da xuntanza tras transmitir o seu contido a 1.500 traballadores concentrados. Segundo asegurou o custo, de ao redor dos 170 millóns para tan só a construción do dique flotante (212 millóns incluíndo todo), non sería asumible, nin con cargo ás contas de Navantia nin ás da SEPI, á que pertence a empresa. Así, Naveiras lamenta que a Sociedade Estatal asegure que "os 1.200 millóns de euros de liquidez dos que dispón, están comprometidos".

Xunta, SEPI e Navantia aseguran que non poden asumir o seu financiamento se non se rebaixa o custo

A Xunta, pola súa banda, manifestou que tampouco asumiría o financiamento do dique nas cifras nas que se están manexando, segundo dixo Naveiras, polo que se realizarán novos estudos para poder reducir o custo e achegalo aos 140 millóns nos que foi cifrado polo Colexio de Enxeñeiros Navais de Galicia. O resultado deste estudo saberase dentro de dúas ou tres semanas nunha nova reunión. A Xunta participaría no seu financiamento se se logra reducir.

Aínda así, os responsables de Navantia informaron tamén que se realizará unha consulta non vinculante á Unión Europea para determinar se a utilización de fondos públicos para a construción do dique se entenderían como axudas ilegais ou se estaría incumprindo o veto á construción naval civil que se fixou en 2004. Para o portavoz do comité, poderíase acabar dando a situación de que se botase a pelota" ao Comisario de Competencia da Unión Europea, o socialista Joaquín Almunia, cando quen "adquiriron o compromiso en Galicia e en Madrid corresponden a outro partido político diferente", en referencia ao PP.

Ademais, o comité cre que o atraso na convocatoria da reunión, que se tería que celebrar en agosto, responde a unha "dilación a propósito no tempo, por unha data electoral", a das eleccións autonómicas de Galicia. No entanto, sinalou que se dará de marxe o prazo de "dúas ou tres semanas" como "a peaxe que hai que pagar", pero advertiu de que "se é unha dilación máis aquí xa vai quedar máis dun retratado, porque o tempo pon a cada un no seu sitio".

O PSdeG cre que o atraso da comisión "foi unha sucia trampa electoral"

Beatriz Sestayo, deputada socialista e responsable local dos socialistas de Ferrol, cre que a nova non deixa de ser “catastrófica” para unha cidade “que se desangra polo desmantelamento do naval por parte dos Gobernos do Partido Popular”. “Esta mañá quedou demostrado que o atraso da comisión de seguimento a tres días despois das eleccións foi unha sucia trampa electoral”, asegurou a tamén secretaria xera dos socialistas de Ferrol.

Así mesmo, criticou duramente a ausencia nesta reunión, “na que se debatía unha infraestrutura trascendental para a cidade”, do alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela. Ao seu xuízo, esta ausencia supón un “desprezo cobarde” para o naval e un claro exemplo do que este sector estratéxico para Ferrol lle importa ao rexedor local.

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.