No 87% dos fogares galegos non hai cartos para ir de vacacións

Fonte: IGE CC-BY-SA Praza Pública

Ir de vacacións non é un asunto de primeira necesidade, se cadra nin de segunda ou de terceira. Tampouco é cuestión menor o feito de que para que as vacacións sexan tal cómpre que haxa un período laborable que contraste con elas, cuestión complicada dados os actuais niveis de desemprego. Con estas salvidades de partida, non é menos certo que a capacidade de poder sufragar unhas vacacións se así se desexa vén servindo como elocuente indicador económico e como radiografía do estado dos petos das persoas e das familias. Na actualidade, en pouco máis de 1 de cada 9 fogares galegos se di ter cartos dabondo para financiar eses días de descanso.

Estas cifras veñen da enquisa conxuntural a fogares, un módulo da enquisa de condicións de vida do Instituto Galego de Estatística. Segundo os datos do segundo trimestre de 2014 só no 12,66% dos fogares do país "teñen pensado permitirse" pagar "unhas vacacións, viaxes ou estadías de lecer". O dato, escaso en si mesmo, resulta máis ilustrativo ao ser comparado coa tendencia dos anteriores exercicios económicos. No mesmo momento do ano 2010, ao que se remonta o IGE, existía capacidade económica para afrontar gastos deste tipo no 16,22% dos fogares. Dende entón a porcentaxe non deixou de baixar.

Isto sucede nun contexto no que, pola banda dos gastos, os fogares sitúan en niveis récord as súas medidas de contención económica, nomeadamente, os plans para "reducir gastos, aumentar ingresos ou afrontar pagos". Segundo o IGE en case a metade dos fogares galegos se contemplan mudar "hábitos de compra" para inclinarse cara ás marcas brancas ou as ofertas, mentres que hai catro anos isto sucedía no 40,52% dos casos. Aínda máis, do 26% ao 51%, é o que aumentaron os fogares que recortaron "gastos comúns" como transporte, roupa ou calzado. Aínda que en menor medida tamén se incrementan os fogares que prevén precisar axuda económica de amigos ou familiares, pasando do 5,13% de 2010 ao 6,74%.

Bañistas nas Illas Cíes © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.