Nova Axencia Tributaria e 20 millóns de orixe descoñecida

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

A mesma estrutura territorial, o mesmo persoal, as mesmas competencias e un orzamento máis cativo pero maior recadación. É o esquema que a Xunta vén de presentar no, en palabras do presidente, "inicio da conta atrás" para a creación da futura Axencia Tributaria de Galicia, un ente que o Goberno galego vén prometendo dende a presentación dos orzamentos de 2011 -polo tanto, dende 2010- e que agora asegura que estará en marcha antes do verán tras abordala no Consello do Goberno galego pola vía do informe -documento sen valor legal nin executivo ningún-. Nunha operación máis técnica que política a nova axencia substiturá, segundo o que estipule un decreto, a actual Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Facenda e, segundo reitera Alberto Núñez Feijóo, será quen de "incrementar un 20% a recadación de impostos propios e cedidos", isto é, ingresar fondos por tributos que ata agora non se ingresaban con, a priori, a "eficacia", a "eficiencia" e a omnipresente "austeridade" como únicas armas.

En 2010 o Goberno central aseguraba que a Axencia Tributaria anunciada por Feijóo sería inocua para o autogoberno de Galicia

A Axencia Tributaria Galega é dende hai máis dun lustro lugar común nos proxectos das tres forzas parlamentarias galegas, aínda que con notables diferenzas de fondo. Mentres que PSdeG e BNG a incluían na frustrada reforma do Estatuto de Autonomía como unha vía para ensanchar as competencias galegas e despois de que o propio Feijóo asegurase, a finais de 2010, que a súa creación sería un avance no "autogoberno constitucional responsable", o proxecto presentado este xoves ten un acento netamente administrativo, na liña do advertido polo Ministerio de Economía hai dous anos. Tras o primeiro anuncio da Xunta, o departamento daquela dirixido por Elena Salgado (PSOE) sinalaba que a Axencia era inocua para o autogoberno galego, dado que se limitaría a xestionar os impostos que xa son competencia de Galicia. "A Xunta ten competencias sobre os seus impostos, e pódeos xestionar a través dunha dirección xeral, subsecretaría ou axencia, iso non importa", explicaban. "O feito de que se transforme nunha axencia tributaria é unha mera decisión administrativa", abondaban.

Ao mesmo tempo, o Goberno central salientaba daquela que se a intención da Xunta era unha maior persecución da fraude fiscal esta podería efectuarse con independencia da forma legal do departamento que a ordene, dirección xeral ou axencia. Con todo, non semella que esta persecución vaia experimentar un maior vigor á luz dos orzamentos manexados pola Dirección Xeral de Tributos nos últimos anos: dos 3,3 millóns que lle asignou o bipartito no seu último orzamento pasou a 2,9 millóns en 2010 e 2,8 en 2011 e 2012. Así e todo, Feijóo eleva estas cifras para asegurar que só en gastos de funcionamento o Goberno deixará de gastar con esta decisión uns 4 millóns anuais. Esa cantidade uniríase, segundo o presidente, aos 20 millóns que suporá o incremento recadatorio dun 20%. En total 24 millóns máis, aparentemente a cambio de nada novo.

Xefaturas territoriais por direccións da Axencia

Suprímense as cinco xefaturas territoriais pero créanse cinco direccións da Axencia

Na liña da "austeridade" Feijóo anunciaba, ao remate da reunión semanal do Consello da Xunta, que a creación da Axencia Tributaria traería consigo a "desaparición das cinco xefaturas territoriais da Consellería de Facenda", aínda que admite a continuación que isto non é sinónimo dunha redución de órganos administrativos. Non en van, estas xefaturas territoriais "convértense nas oficinas da Axencia Tributaria" e os seus responsables, en "directores" do novo ente. A súa "sede" será "cada un dos lugares" onde agora "hai xefatura territorial", isto é, as catro capitais de provincia e Vigo.

Así as cousas, semella que a única redución será nas competencias "das 42 oficinas liquidadoras de impostos", que "seguirán sendo oficians de presentación" de documentos, "pero non de liquidación". "Deixan de prestar ese servizo e de cobrarlle á Xunta" por el, especifica o presidente. Así e todo, este adelgazamento compénsanse coa creación dunha "área de información e asistencia por cada unha das cinco cidades" nas que terá sede a Axencia, dun "servizo de atención telefónica" e outro de "cita previa, para aqueles contribuíntes que queiran facer unha consulta". Ademais, dentro do que o Goberno galego define como unha "aposta clara polas novas tecnoloxías", Facenda "traballa xa nos aplicativos para concretar unha xanela única telemática" a través da cal os contribuíntes poderán "conectar directamente" co Rexistro da Propiedade e co Rexistro Mercantil. Estas operacións facilitarán polo tanto a axilización dos trámites e, insiste Feijóo, darán lugar a eses 20 millóns anuais cuxa orixe é, en todo caso, pouco coñecida.

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.