Novagalicia desaparece do mapa: Nin galega, nin solvente, nin nada

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

"Galega e solvente". Así sería a entidade resultante da fusión das caixas e eses foron os dous adxectivos dos que se valeu Feijóo durante meses para xustificar o proceso e alimentar as esperanzas sobre o mantemento dun sector financeiro galego que esmorece. E agora de vez. Segundo diversas informacións, Novagalicia está sentenciada. Non hai marcha atrás. "Será vendida si ou si", disque aseguran fontes do Banco de España, que botan abaixo o plan de José María Castellano de mantela como entidade independente a través da busca de investidores privados que mantivesen así a raíz galega do banco.

Novagalicia está sentenciada e será vendida "si ou si" nos vindeiros meses

Máis aínda. Eses vinte investidores privados que puxeron cadanseus 70 millóns de euros perderán todos os seus cartos, malia o seu malestar e as súas protestas que incluso os levaron a meditar unha denuncia. Pero o Banco de España é inflexible e non atendeu ningunha das súas peticións, polo que terán que dicir adeus ao seu diñeiro para absorber as perdas mediante unha redución de capital que chegará antes da inxección dese rescate europeo de case 5.500 millóns de euros. 

A venda de Novagalicia Banco será, ademais, inminente e antes do próximo verán e posiblemente no primeiro trimestre de 2013. "NovaGalicia desaparecerá como entidade independiente, unicamente poderá manterse como filial propiedade 100% do comprador se este o decide así e non a integra coa súa rede e marca", aseguran fontes do Banco de España en El Confidencial. Xa que logo, o final de NGB non será diferente ao de Catalunya Caixa ou antes ao de Cajasur, CAM, Banco de Valencia ou Unnim.

Bankia non irá á poxa ao ser considerada unha entidade sistémica polo Banco de España

Malia o seu carácter fundamental na economía galega, o Banco de España non considera "sistémica" a entidade galega, aínda que si Bankia, o que explica que o banco madrileño non vaia á poxa. Segundo apuntan varios medios económicos, as esixencias da troika son claras e a Comisión Europa impón que o rescate bancario afecte o menos posible á competencia. Para a UE, unha entidade que recibe 6.000 millóns de euros e segue competindo ten que desaparecer, agás que sexa considerada sistémica. Para Europa e para Madrid, NGB non é tan importante. Liquidarana para sempre.

A venda e desaparición de Novagalicia supón o fracaso económico e político dun país e deixa en evidencia ao presidente da entidade, José María Castellano, e ao propio Núñez Feijóo. O primeiro insistiu unha e outra vez en manter a entidade en solitario e buscar investidores privados, pero para evitar a nacionalización que non puido evitar prometera 1.000 millóns, para só conseguir 70. Agora seguía cunha teima que xa non cre ninguén. Que haxa investidores privados co 2,6% do capital tan só lle creará un problema a el e un atraso nos tempos.

Julio Gayoso, Alberto Núñez Feijóo e Mauro Varela © Xunta
Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.