Novagalicia ofrece 23 días e 14 mensualidades de compensación para os despedidos

Protesta contra o plan de reestruturación de NGB CC-BY-NC-SA CIG

Algo máis de luz sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) que Novagalicia Banco ten previsto para uns 2.500 traballadores. A segunda xuntanza entre a entidade e os representantes sindicais, que continúa durante esta tarde, clarexa algo máis o plan de reestruturación imposto desde Madrid e a Unión Europea. 

A oferta de Novagalicia consiste nunha compensación de 23 días por ano traballado e 14 mensualidades

Segundo fontes sindicais, a oferta de NGB consistiría nunha compensación de 23 días por ano traballado e 14 mensualidades de maneira xeral para os traballadores. Ademais, aqueles empregados afectados polo ERE que superen os 55 anos en 2013 poderían acceder a unha compensación de 25 días cun máximo de 18 mensualidades. A cotización á Seguridade Social sería ata os 63 anos.

Xunto a isto, o persoal maior de 50 anos afectado polas extincións de contratos, sería despedido en 2013, para evitar o sobrecusto previsto na lexislación, xa que se a empresa ten beneficios deberían achegar ao Tesouro Público polo importe do desemprego e subsidio. Respecto da mobilidade xeográfica, contémplase unha cantidade de 6.000 euros nunha soa vez, mantendo a axuda vivenda e a posibilidade dun novo préstamo vivenda.

Á espera das reaccións oficiais dos sindicatos, esta proposta foi rexeitada rotundamente e por unanimidade polos representantes dos traballadores, no mesmo día no que se confirmou que haberá folga xeral en Novagalicia, Bankia e Banco de Valencia para o vindeiro 6 de febrero.

Confírmase a folga xeral en Novagalicia, Bankia e Banco de Valencia para o 6 de febreiro

Os empregados levarán a cabo un paro de 24 horas para denunciar que os xestores non fan “esforzo ningún” por chegar a acordos nas negociacións dos respectivos ERE. Ademais, os sindicatos acordaron tamén paros parciais nestas entidades, que se unen así aos que xa comezaron este mesmo luns en Novagalicia Banco.

Así, entre as 12 e as 12.30 deste luns, os empregados de Novagalicia Banco realizaron un paro en contra do plan de reestuturación. As organizacións sindicais consideran que o masivo seguimento deste paro, coincidindo coa xuntanza para a negociaciar o ERE, é “unha demostración da decisión do cadro de persoal de defenderse dos despedimentos inxustos”.

Nas sucursais repartíronse folletos nos que os traballadores denunciaron “a inminente destrución de máis de 2.000 postos de traballo”. Ademais, censuraron que Xunta de Galicia, Banco de España, Goberno central e Banco de España os presente “como os auténticos culpables” da venda de produtos tóxicos “previamente deseñados, homologados e autorizados por eses mesmos órganos”.

Os traballadores de NGB pararon durante media hora este luns en protesta polo plan de reestruturación

Ademais, os empregados critican “a eliminación da obra social das caixas de aforros”, polo que os seus beneficios “irán parar a accionistas privados”. Do mesmo xeito, para os empregados de Novagalicia Banco o “peche indiscriminado de oficinas no medio rural” deixará “moitos concellos sen sucursal bancaria”.

Por outra banda, e segundo adiantou a Cadena Ser, a dirección das caixas galegas ameazou os seus empregados para que vendesen participacións preferentes. “As persoas que non sabian ou non queiran vender preferentes, deberían preguntarse se realmente queren formar parte da caixa e do seu futuro", teríanlles dito os directivos aos traballadores, segundo documentación á que tivo acceso a emisora en Galicia.

Protesta contra o plan de reestruturación de NGB CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.