Novagalicia quere despedir 930 traballadores neste ano

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

A dirección de Novagalicia Banco pisa forte cos despidos e propón aos sindicatos o despedimento de 2.508 empregados entre 2013 e 2017, dos que 930 se executarían xa neste ano. Ademais, a entidade propón tamén pechar 327 oficinas cando remate 2015.

Así se podía ler este venres nun documento que os dirixentes de Novagalicia entregaron aos representantes dos traballadores e que tan só ocupaba un folio e constaba de dous cadros, un no que se cifraba a redución do persoal e outro no que se aclaraba o peche de oficinas. A xuntanza foi previa á negociación do cuarto ERE que se realizará no banco e, á saída dela, os directivos negáronse a facer declaracións. 

O documento entregado aos sindicatos tan só constaba dun folio coas cifras de despedimentos

No entanto, os representantes sindicais denunciaron a "mala fe absoluta" por falta de negociación, polo que xa anunciaron a convocatoria dun paro de media hora en toda a rede de oficinas de Novagalicia para este vindeiro luns, día 14. Ademais, dous días antes, o sábado 12, manifestaranse en Santiago de Compostela contra as propostas de redución de emprego da entidade.

Así, o documento trasladado este venres propón un total de 2.508 despedidos que se distribúen en cinco exercicios: 930 en 2013, 877 en 2014, 508 en 2015, 91 en 2016 e 102 en 2017. Con este plan, NGB chegaría ao prazo límite imposto por Bruxelas con 3.334 empregados, fronte aos 5.842 que tiña a finais de 2012, xa que 60 saídas xa se están a producir desde fin de ano.

O groso do persoal que abandonaría Novagalicia, segundo o programa da dirección, correspóndese coa rede de oficinas da entidade, con 1.749 despedimentos previstos até 2017 -670 en 2013, 677 en 2014, 435 en 2015, incrementaríase en 50 en 2016 pero volvería baixar en 17 en 2017.

Un total de 261 traballadores deixarían os servizos centrais -110 este ano, 100 o que vén, 46 en 2015, 3 en 2016 e 2 en 2017. Até 250 dos despedimentos teñen que ver co traspaso de activos ao denominado banco malo, de onde irían desaparecendo 50, 50, 16, 51 e 83 postos de traballo nos respectivos anos.

A seguinte afectada sería a unidade de xestión de activos singulares (UGAS), con 205 empregados menos ao chegar á data en cuestión. Un total de 76 serían despedidos en 2013, 35 en 2014, 9 en 2015 e 85 en 2016. Por último, reduciríanse 24, 15, 2 e 2 empregos do ámbito almacenista.

NGB prevé prechar 131 oficinas en 2013

No que respecta ás oficinas, os 327 peches tamén se expoñen de forma gradual, pero en tres anos, de modo que 2013 acabaría con 131 sucursais menos, 2014 significaría a desaparición doutras 134 e 2015 suporía a perda de 62. Fronte ás 811 actuais, de cumprirse esta planificación, a entidade mantería abertas 484 chegado 2016.

Sobre os criterios que se aplicarán para facer efectivos os despedimentos, o portavoz da CIG, Clodomiro Montero, criticou que os responsables do banco dixeron "que non hai que falar das condicións porque iso haberá que abordalo no ERE". Ademais, constatou que "teñen a lexislación do seu lado, como nos fixeron ver". De igual modo, e preguntado especificamente sobre se se fará uso da última reforma laboral, que permite o despedimento indemnizado con 20 días por ano traballado, o representante de CCOO, Luis Mariño, sinalou que "eles argumentan que a reforma laboral está aí e hai que negociar". 

"Cando Castellano di que imos seguir sós refírese a quen van seguir el e González Bueno; ao resto vannos botar á rúa", din os sindicatos

"O único que nos queda claro é que cando José María Castellano di que imos seguir sós refírese a que van seguir sós na empresa el e César González Bueno, porque ao resto vannos botar á rúa", ironizou Montero, antes de advertir de que "esta actitude vai ter unha resposta sindical e por parte dos traballadores".

A este respecto, censurou que durante dúas horas negásense "a falar de nada" posto que a dirección argumenta que "iso corresponde ao período de consultas" do expediente de regulación, que as organizacións sindicais esperan que se inicie o día 14. Agora, reprobou Montero, atópanse "nun período que queren baleirar de contido". "Estivemos a xogar ao gato e ao rato porque se negan a negociar", lamentou.

Ademais, indicou que solicitaron unha reunión cos técnicos da auditora PricewaterhouseCoopers, que son os que elaboraron o plan, e que se producirá o martes día 8. Do mesmo xeito pronunciouse Mariño ao denunciar que "a negociación non existiu" e que os responsables da entidade "queren cumprir un feito formal e non ir ao fondo da cuestión, entregando a mínima negociación á espera de abrir período de consultas e entregar a memoria do ERE".

Ademais do documento co cronograma de despedimentos e peches, a dirección enviou aos sindicatos documentación por correo electrónico "cinco minutos antes" da reunión. "Será unha explicación técnica, pero serán as mesmas explicacións que valeron para a fusión, os distintos ERE... A única folla importante é a que nos entregaron", reflexionou o portavoz de UXGT, José Ramón de Pliego.

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública
Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.