O 37% dos parados galegos non ten cobertura de desemprego

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Case o 37% dos parados galegos (36,8%) non ten cobertura de desemprego. Os últimos datos facilitados polo Ministerio de Emprego sinalan unhas taxas de cobertura por desemprego cada vez máis baixas e que se sitúan no país en niveis mínimos do 63,18%.

Segundo aclara UGT-Galicia, no mes de xaneiro había na comunidade autónoma 90.184 beneficiarios de prestacións contributivas, 67.183 de subsidio e 11.843 de renda activa de inserción, o que fai un total de 169.210 beneficiarios de prestación de desemprego.

Uns 100.000 galegos que perderon o traballo non cobran prestación ningunha en Galicia

Exceptuando as máis de 20.000 persoas que están a buscar o seu primeiro traballo en Galicia, son perto de 100.000 os cidadáns que perderon o traballo e que non están a cobrar prestación ningunha, o que segundo UGT nos conduce “a tensionar cada vez máis a sociedade que está a soportar xa moita xente en situación de exclusión social e a moita ás portas dela”.

“É unha realidade desoladora á que se lle engade un goteo continuo de emigración cara ao exterior", destaca UGT

A situación aínda é peor en Galicia se temos en conta que a contía media da prestación contributiva por desemprego é de 818,4 euros, a terceira máis baixa de todo o Estado e a máis de 50 euros da media de España, situada nos 864,6 euros mensuais.

“É unha realidade desoladora á que se lle engade un goteo continuo de emigración cara ao exterior, sobre todo, dos máis mozos, e unha pirámide de poboación cada vez máis envellecida”, destaca UGT, que reclama que a Xunta non sexa “allea á realidade” ante un “difícil e nada optimista futuro”.

As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.