O 70% dos contratados a tempo parcial prefire un traballo a xornada completa

Protesta de traballadoras de Freiremar © CIG

A lixeira mellora dos datos de desemprego en Galicia e no Estado agochan sempre un empeoramento das condicións de traballo e unhas cifras que, lonxe de ser moi esperanzadoras, non deixan de ser a consecuencia inevitable de tocar fondo e de reducir as garantías e expectativas laborais dos traballadores ao mínimo nestes tempos de crise. Ao tempo que se reduce un chisco a cifra de parados, increméntase a incerteza, aumenta a temporalidade, baixan os salarios, redúcense as horas efectivas, dispárase a emigración e sobe o número de persoas que se ven obrigadas a un emprego a xornada parcial.

Os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves teiman no mesmo. A taxa de temporalidade -porcentaxe de asalariados temporais fronte ao total- creceu oito décimas neste terceiro trimestre en Galicia, até situarse xa no 24,6%. De feito, con respecto ao trimestre anterior rexístranse 10.600 asalariados máis con contrato indefinido, o que supón un incremento do 1,8%, mentres que os de contrato temporal aumentan en 11.500 persoas (unha suba do 6,3% con respecto ao anterior trimestre). No que respecta á variación interanual, os asalariados con contrato indefinido aumentaron un 1,6% mentras que os asalariados con contrato temporal medraron un 2,6%.

A porcentaxe de ocupados a tempo parcial sitúase no 13,5% en Galicia, un 21,6% no caso das mulleres

Pero hai moito máis. O número de ocupados a tempo parcial segue aumentando. Segundo os datos da EPA que debulla o Instituto Galego de Estatística (IGE), do total de ocupados de hai catro anos, 123.500 o eran a tempo parcial, un 11%, mentres que neste último trimestre esa porcentaxe aumenta ao 13,5%, 137.600 dun total de 1.077.300. No caso das mulleres, a porcentaxe é aínda maior, xa que na actualidade en Galicia hai 103.300 mulleres cun emprego a tempo parcial, o que supón máis dun 21,6% das ocupadas, fronte ao 18,4% que supoñían no terceiro trimestre de 2010.

Desas 137.600 persoas que traballan a tempo parcial, 94.900 (case o 70%) fano porque non poden atopar un traballo a xornada completa, tal e como se tiran dos datos do IGE. Son un 77% máis que hai exactamente cinco anos -máis o menos no inicio da crise en 2009- cando eran 53.600 as persoas que dicían ter un emprego a tempo parcial por non poder dar con outro que lle ocupase as oito horas da xornada laboral. Outra consecuencia da crise que reduce salarios, expulsa á emigración ou obriga a optar por empregos precarios ou de menos horas.

Case o 68% das mulleres que traballan a tempo parcial fano porque non atopan nada a xornada completa

No caso das mulleres, a situación é aínda máis grave. Supoñen máis do 73% do total de empregados a tempo parcial e o 67,7% das que que traballan nesta situación fano porque non atopan nada a xornada completa. E se comparamos os datos deste terceiro trimestre de 2014 co mesmo período de 2009, as cifras son claras. Daquela eran 42.000 as mulleres que aseguraban non ter un emprego a tempo completo por non atopalo, mentres que na actualidade son xa 70.000, 28.000 máis, o que supón un incremento do 66,6%.

Protesta de traballadoras de Freiremar © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.