O acordo do Brexit afonda na incerteza do sector pesqueiro galego

Barco pesqueiro galego CC-BY-SA Xunta

As informacións publicadas sobre o acordo pesqueiro do Brexit afondan na incerteza da frota galega. Logo de que o xoves se anunciase que o Reino Unido e a Comisión Europea chegaran a un acordo que supón a perda do 25% das cotas europeas, a Xunta reaccionou amosando a súa "preocupación" por un pacto que considera "alarmante" para o sector pesqueiro do país

A Xunta reaccionou amosando a súa "preocupación" por un pacto que considera "alarmante" para o sector pesqueiro do país

O pouco que se sabe con detalle do acordo indica que os barcos europeos poderán seguir faenando nas augas británicas durante os vindeiros cinco anos e medio a cambio de ceder o 25% da cota que os pesqueiros comunitarios tiñan no Gran Sol e que se cifran en arredor de 160 millóns de euros. Os produtos pesqueiros seguirán sen aranceis en Europa, pero o impacto semella moi duro, especialmente para Galicia. 

Dous mariñeiros galegos na súa embarcación CC-BY-SA Xunta

No país hai máis de 50 barcos que traballan no Gran Sol, ademais dos armadores con buques de bandeira do Reino Unido e que se verán tamén afectados. "Entregouse de forma definitiva á frota británica o 25% das cotas de pesca europeas a cambio de cinco anos e medio de acceso ás súas augas", resumiu a Xunta tras anunciar que será "belixerante" ante o pacto. 

"Galicia non se vai conformar con compensacións por este acordo e será belixerante e contundente para recuperar os dereitos de pesca perdidos no acordo do brexit", asegurou o Goberno galego nun comunicado sobre un acordo que afecta de maneira máis dura á xarda, o lirio ou o xurelo, ademais da pescada, a meiga ou o peixe sapo, principais especies pescadas nas augas británicas. 

Mentres a Xunta carga contra o acordado, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e a deputada do Parlamento Rosana Pérez acusan os gobernos galego, estatal e a UE de “deixar tirado ao sector pesqueiro” ao non defender os seus intereses nas negociacións sobre o Brexit. “Desde 2018 vimos alertando das consecuencias para Galiza da saída do Reino Unido da UE cun acordo que deixa a pesca no último lugar e lamentablemente estanse cumprindo os peores presaxios”, denuncia a voceira en Bruxelas. 

O BNG critica o "desleixo" do Goberno central e galego nas negociacións da UE e o Reino Unidos sobre o Brexit

Ana Miranda critica o "desleixo" das administracións estatal e galega nas negociacións da UE o Reino Unido sobre o Brexit e destaca que o acordo aínda ten que ser ratificado no Parlamento Europeo, polo que anuncia que o BNG introducirá unha iniciativa a través do grupo do que forma parte na Eurocámara, na que se reclamarán compensacións e melloras nas condicións de acceso aos caladoiros. “A falta de acceso a un parte do caladoiro terá un forte impacto comercial e económico no noso sector pesqueiro”, sinalaou quen lembra que son miles de familias galegas que dependen do sector e que levan meses vivindo con incerteza o resultado das negociacións.

Pola súa banda, Rosana Pérez pide a comparecencia urxente da conselleira do Mar, co obxectivo de que explique o contido das negociacións mantidas en defensa do sector pesqueiro durante estes meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.