O 'antes e despois' do boom inmobiliario

Esta zona de Sanxenxo, antes e agora Dominio Público http://www.nacionrotonda.com/

O de que unha imaxe vale máis que mil palabras é un lugar común que non sempre é acertado. Porén, tense falado e escrito tanto sobre o auxe urbanístico, a febre construtora e a burbulla inmobiliaria que tiveron lugar en España nos 15 anos anteriores á crise económica, que ás veces, efectivamente, abonda con mira unha fotografía tirada nun lugar a comezos dos noventa e observar o aspecto actual dese mesmo lugar para decatarse do extraordinario impacto sufrido pola paisaxe. 

Hai uns meses naceu a web Nación Rotonda, que amosa con imaxes de satélite dun mesmo lugar estes cambios, centrando a súa atención, sobre todo, nos lugares nos que se construíron grandes polígonos industriais, urbanizacións, novas vías de alta capacidade ou grandes infraestruturas. Todo un antes e agora do auxe inmobiliario. A páxina só inclúe as fotografías, coa súa correspondente referencia sobre o lugar ao que corresponden e as datas de cada unha das imaxes, máis nada, sen información adicional ningunha. Emprega, ademais, unha ferramenta gratuíta, un plug-in de JavaScript empregando jQuery, para crear un efecto de esvaramento sobre as dúas fotografías superpostas, o que permite unha máis doada comparación do cambio sufrido por cada lugar.

A web foi creada por Miguel Álvarez, Esteban García, Rafael Trapiello, Melina Grinberg e Guillermo Trapiello, estudantes de Enxeñería de Camiños especializados en Urbanismo e Ordenación do Territorio e xa suma centos de imaxes de todo o Estado. Un feixe delas (aínda que non demasiadas en comparación con outros territorios) corresponden a Galicia, por exemplo á construción do porto exterior da Coruña, a algún novo polígono industrial ou ao crecemento urbanístico en zonas costeiras, como Sanxenxo ou a Illa de Arousa. En calquera caso, a web está aberta a suxestións de calquera novo lugar e permanece en constante modificación.

Alén destes exemplos galegos, a web amosa algúns lugares moi significados polo seu crecemento urbanístico, como é o caso de Seseña (Toledo), Torrejón de Ardoz (Madrid), Churra (Murcia), Vistabella (Alacante), El Algarrobico (Almeria) ou Sagunto (Valencia). Nación Rotonda non está soa; outras webs colaborativas, como S.O.S. Paisajes del Mar tamén empregan a imaxe para denunciar o efecto causado pola construción sen control no litoral español.

O porto exterior da Coruña Dominio Público http://www.nacionrotonda.com/
Os arredores de Lugo, hai 15 anos e agora Dominio Público http://www.nacionrotonda.com/
Esta zona de Sanxenxo, antes e agora Dominio Público http://www.nacionrotonda.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.