O Banco de España soubo das indemnizacións de NCG tarde e "con reticencias"

Gayoso, Varela e Feijóo © Xunta

Os dous inspectores que o Banco de España tiña en Novacaixagalicia cando os seus ex directivos se outorgaron contratos con prexubilacións millonarias non cren que o aumento de custo para a entidade coas modificacións comprometesen a súa solvencia, aínda que si reoñecen que os antigos xestores foron moi reticentes á hora de entregarlles os contratros. Tardaron cinco meses en facelo.

Así o aseguraron este xoves na Audiencia Nacional estes dous inspectores, segundo varias fontes, na súa declaración ante o xuíz Ismael Moreno, que os interrogou como testemuñas, as cales non recoñeceron unha actitude obstrucionista por parte dos ex directivos, pero si certos atrancos. En concreto, os inspectores sabían da existencia dos novos contratos en decembro de 2010, fóronlles amosados en febreiro de 2011, pero non os recibiron ata o mes de maio.

Os inspectores sabían da existencia dos novos contratos en decembro de 2010, pero non os recibiron ata maio de 2011

A Fiscalía Anticorrupción reclama aos ex directivos a devolución das cantidades que considera percibidas indebidamente. Ao ex director xeneral adxunto, Javier García de Paredes, reclámalle 5,36 millóns de euros, dos que preto do 95% corresponde aos salarios devengados desde o 1 de xullo de 2012 até o 29 de xaneiro de 2025 -momento no que se podería xubilar-, que non podería cobrar anticipadamente por capitalización.

Ao ex director xeral da caixa única, José Luis  Pego reclámanselle 1,44 millóns de euros, unha cantidade na que se inclúe unha indemnización por premio especial por dedicación de 933.156 euros sen o visto e prace do Banco de España. Ademais, Anticorrupción reclama na querela presentada 913.602 euros Gregorio Gorriarán, que se encargou do Grupo Inmobiliario tras a fusión das dúas antigas caixas galegas e 260.940 euros a un dos responsables da oficina de integración, Óscar Rodríguez Estrada.

Nas peticións de devolución non aparece o que fora presidente de Caixanova e copresidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, a quen atribúe cooperación no plan de Pego, Gorriarán e Estrada para preparar a súa saída da entidade.

Ademais, segundo unha das defensas, os inspectores non puideron determinar se o ocorrido cos contratos dos directivos pode valorarse como unha interpretación, aínda que sexa incorrecta, da norma laboral ou un desvío de fondos, que é o que se lles imputa neste procedemento.

O xuíz Ismael Moreno citou para o próximo 16 de novembro ao presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, para que declare en calidade de testemuña, e a partir do 13 de novembro escoitará o testemuño do tres vocais do Consello de Administración que votaron en contra das compensacións investigadas.

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.