O BCE urxe a España que pida o rescate para comprarlle bonos

Mariano Rajoy e Angela Merkel, na Moncloa © Goberno de España

Compra de débeda a cambio da petición de rescate con condicionalidades explícitas. O presidente do Banco Central Europeo (BCE), Mario Draghi, anunciou este xoves que pretende activar un plan para a compra de bonos de estados como España e Italia para resolver así os seus problemas de financiamento. En definitiva, mete presión aos dous países para que soliciten canto antes o rescate se queren así un salvavidas da entidade que preside. Pero Rajoy non semella darse por aludido.

Na súa comparecencia conxunta con Merkel, o presidenteo do Goberno central asegurou que non había novidades sobre esa hipotética petición de rescate e que a chanceler alemá non lle dixo que reformas nin que axustes facer. "Cando teña algunha novidade contareilla; aínda non tiven temo de ler a comparecencia de Mario Draghi", aclarou Rajoy. España estudará con detalle o programa que prevé o BCE para ver se lle convén ou non pedir o rescate, segundo fontes da Moncloa que cita Europa Press.

Draghi mete presión a España e Italia para que soliciten o rescate axiña

O anunciado programa, denominado OMT, permitiría ao BCE tratar así as "distorsións severas" nos mercados de bonos e garantir tamén a "irrevarsibilidade do euro". Draghi foi claro e contundente ao advertir de que os gobernos deben estar listos para activar os mecanismos de rescate cando haxa riscos ou situacións excepcionais, e sempre "baixo unha estrita condicionalidade". "A adhesión dos gobernos aos seus compromisos e a intervención dos mecanismos de rescate son condicións necesarias", repetiu, tras aclarar que a decisión non fora por unanimidade.

O BCE comprará bonos de entre 1 e 3 anos, sen límite de cantidade e renunciará ao seu privilexio de cobro

Este novo programa de compra de bonos, segundo aclarou Draghi, concentrarase na débeda con vencementos entre un e tres anos e a el dedicaránselle cantidades "sen límite". Ademais, as compras serán logo "esterlizadas por completo". O presidente do BCE asegurou que se informará cada semana das cifras do programa e que o BCE renunciará ao seu privilexio de cobro respecto dos acredores privados.

Ao tempo que Draghi avanzaba a compra de débeda, Merkel e Rajoy comparecían tras a súa xuntanza na Moncloa. "O BCE actúa dentro do sue mandato e toma as medidas oportunas", asegurou a chanceler preguntada pola decisión da entidade europea, tras negar que puxese condicións a España.

Ademais, a líder alemá aclarou que non chegou a España a dicir as reformas que ten que facer o Estado e aclarouse sentirse "impresionada" polo ritmo de axustes que leva a cabo o Executivo de Rajoy. O presidente do Goberno, respecto ás pensións, di que non ten "intención ningunha de cambiar o statu quo".

O BCE xa estivo a comprar débeda dos países periféricos desde maio de 2010 e empezou a comprar débeda española e italiana en agosto de 2011. Con todo, detivo esas compras a comezos deste ano, pois preferiu dar financiamento sen límite a tres anos aos bancos para que eles comprasen débeda. Iso, con todo, agravou o círculo vicioso entre a débeda soberana e a solvencia das entidades financeiras e só serviu de alivio temporal para España e Italia.

Mario Draghi CC-BY Parlamento Europeo
Mariano Rajoy e Angela Merkel, na Moncloa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.