O BNG alerta da "primavera negra" da industria galega e pídelle á Xunta que actúe xa

Carme Adán, durante a rolda de prensa © BNG

A  portavoz  de Industria  do BNG, Carme Adán compareceu  este xoves ante os medios de comunicación para presentar diversas iniciativas dirixidas a frear a destrución do tecido industrial galego e lamentou "que o PP gaste as súas enerxías en reducir a democracia cando o tecido industrial galego está a vivir o período máis negro da súa historia".

"O PP gasta enerxías en reducir a democracia mentres o tecido industrial galego vive o período máis negro da súa historia", di o BNG

A deputada afirmou que a actividade industrial galega segue “en caída libre en sen rede e vivindo unha primavera negra” cunha continua destrución de empresas e postos de traballo. Tal e como lembrou, no pasado mes de abril, dixo, perdéronse postos de traballo en T-Solar, Pórtico, Unísono, Caramelo, Gamesa e  materializáronse EREs nas empresas auxiliares de automóbiles. "O sector eólico vive nunha absoluta parálise ante  a inoperancia” da Consellería de Industria e e unha actitude de mero espectador por parte do Goberno de Feijóo", critica Adán. 

Adán lembra os despidos en T-Solar, Pórtico, Caramelo ou Gamesa durante o pasado mes de abril

Ademais, para a deputada nacionalista,  esta  “sangría de postos de traballo” no tecido industrial galego verase incrementada se non se arranxa definitivamente a grave situación económica pola que atravesa Pescanova. “O conselleiro de Industria, debe comparecer no Parlamento e explicar o que está acontecendo co tecido industrial galego no que nos últimos catro anos foi destruído o 60% na comarca de Vigo, nós estimamos, engadiu, que esta  realidade é extensible a toda Galiza”, asegurou.

Ao seu xuízo, o titular de industria debe explicar que plan de “viabilidade para Pescanova”  vai poñer en marcha o seu departamento destinado a  garantir a actividade da empresa e os postos de traballo e tamén debe explicar as razóns polas que a Xunta negou os avais necesarios para reflotar esta empresa. Sobre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Adán propuxo reconvertelo nun “organismo máis áxil para dar crédito as industrias e empresas galegas” e pediu que o conselleiro de Industria valore a posibilidade de transformalo nun “ Instituto de Crédito oficial galego” co fin acudir aos mercados financeiros e xerar crédito real.

O Bloque pide á Xunta que actúe ante a "parálise" do sector eólico e que exixa un cambio de normativa ao Estado para restituír as primas ás renovables

Outra das propostas presentadas polo  BNG teñen a ver  co sector eólico, neste momento, dixo, “paralizado”, con  empresas deslocalizadas  e outras moitas  pechadas  definitivamente.Así, Adán lembrou que Canarias acadou o compromiso do Goberno central para obter un sistema de primas ás enerxías renovables antes do verán, o BNG, indicou, leva pedindo dende o cambio da normativa no Estado, que “o ministro e o propio Rajoy analicen a situación galega, e ao igual que Canarias, sexa eliminada a penalización a estas enerxías restituíndo as primas”.

Adán tamén lamentou, a raíz da proposta do PP de reducir o número de deputados no Parlamento, que a gran preocupación do  Partido Popular "sexa reducir a democracia". "Gustaríame ver a Feijóo preocupado pola industria e polos postos de traballo que se poden perder en Pescanova, ese debería ser o seu cometido, mágoa que non teñamos goberno nin nada parecido”, concluíu.

Carme Adán, durante a rolda de prensa © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.