O 'catastrazo' que engade incerteza ao rural galego

Explotación láctea en Galicia © Xunta

Un novo atranco para o agro e a súa economía. A revisión catastral que se desenvolve en Galicia provocará un importante impacto nos bens inmobles do rural. Granxas, galpóns, invernadoiros e naves pasarán a pagar agora a contribución, o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Supón unha actualización derivada do plan de regularización extraordinaria -coa que entre 2013 e 2016 o Ministerio de Facenda pretende facer agromar instalacións agrarias ocultas- e das revisións dos catastros cos que os Concellos pretenden aumentar os seus ingresos e rematar tamén coa relaxación fiscal en moitos municipios. 

Instalacións agrarias até o de agora exentas pasan a pagar o IBI 

En definitiva, Facenda identifica e valora os bens que estaban sen regularizar ou non constaban para incluílas no Catastro e é logo o Concello quen decide sobre o imposto e os tipos. Foron Unións Agrarias (UUAA) e Ventonoso as organizacións que alertaron dunha problemática que pode danar aínda máis un rural golpeado pola crise do lácteo. Á regularización de moitas instalacións únese o cambio na valoración de moitas que a tiñan tan baixa que "na práctica non pagaban nada", como di Jacobo Feijóo, secretario de Desenvolvemento Rural do sindicato. 

Cortes, pendellos ou invernadoiros que estaban exentos terán que pagar agora a contribución e a actualización do Catastro revisará tamén as casas por se hai ampliacións ou novas construcións. O que paguen as instalacións agrarias depende agora de cada concello, xa que a norma permite unha taxa de entre 0,3% e o 0,9% do valor da propiedade. UUAA solicita que as administracións locais apliquen o mínimo ante a situación que atravesan moitas das explotacións lácteas e solicita tamén bonificacións por xubilación ou familia numerosa, posibilidades en municipios que non estean en situación de rescate a través do Estado. 

A taxa que aplique cada Concello pode ir do 0,3% do valor da propiedade ao 0,9%; UUAA pide a taxa mínima e bonificacións fiscais

Como exemplo, a organización agraria advirte que unha explotación valorada en 100.000 euros podería pasar a pagar unha cota anual de IBI rústico de 900 euros de aplicárselle o tipo máximo, fronte aos 300 do mínimo. E as bonificacións poderían facer aínda máis asumible os pagamentos, que mesmo poden descender aos 30 euros. UUAA e Ventonoso piden aos concellos que teñan en conta a "grave crise económica do rural" e advirten de que este Catastrazo -así denominan estas actualizacións- inflúen incluso nas bolsas de estudo dos seus fillos. 

Ademais, as organizacións agrarias alertan de que o Catastro advertirá aos propietarios da actualización e mesmo dunha amnistía por non ter comunicado as teóricas ampliacións previo pagamento de 60 euros, un abono que moitas persoas consideran que xa salda o recibo, aínda que non é así. Ao tempo, tamén se poden reclamar os últimos catro anos de atrasos. UUAA cita un caso en Chantada, onde un propietario que pagaba 50 euros pasou a abonar 300. Esa diferenza de 250 euros, incluínda a reclamación dos catro anos anteriores, provocou que o primeiro recibo tras a revisión superase os 1.000 euros.

Explotación láctea en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.