O comité de Navantia perde a paciencia co contrato de Pemex

Protesta de traballadores do naval CC-BY-SA CIG

O comité de empresa de Navantia dubida (e moito) do prometido contrato con Pemex e a construción dun barco flotel que suporía, segundo a Xunta, emprego para uns 1.500 traballadores durante dous anos. Os últimos detalles sobre o acordo entre o estaleiro estatal e a petroleira mexicana -que adiantou Praza e nas que se aclara que existen dous contratos "confidenciais" para Ferrol e Vigo cunha filial norteamericana- volveron coller por sorpresa os traballadores, que perden a paciencia agardando por un encargo que non se concreta.

Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa de Navantia-Ferrol, insiste en que o cadro de persoal "non sabe absolutamente nada" do flotel que se ten previsto construír no estaleiro. "Pedimos cada pouco información, pero a dirección galega semrpe se declarou á marxe do acordo porque foi negociado directamente pola Xunta coa sede de Madrid", aclara o representante dos traballadores, que aclara que os xestores da compañía estatal "pouco menos que se encollen de ombros" cando se lles pregunta.

"Non sabemos nada e a dirección de Navantia pouco menos que encolle os ombros cando lle preguntamos"

"Non nos saben dicir nin como é a contratación", insiste Naveiras, que engade que "desde o comezo" o contrato lles xerou "inquedanza". "E moita máis canto máis tempo pasa", asegura, logo de destacar o feito de que no estaleiro de Barreiras, o outro destinatario do acordo con Pemex, "se convertese un expediente suspensivo en extintivo". "Iso fainos pensar que a empresa non espera moito do acordo coa petroleira mexicana", di.

Malia todo, o comité agarda unha explicación nunha vindeira xuntanza tras as festas do Nadal. Se non hai novidades, os traballadores xa advirten dos perigos de atrasar a construción prevista do flotel. "Na medida que se pospón toda a carga de traballo, ao final terá que facerse con xente do cadro de persoal princial, polo que se xerará pouco emprego na industria auxiliar... Ou posiblemente non se xere ningún", denuncia Naveiras, ao tempo que o traballo para os operarios auxiliares vai diminuíndo aos poucos.

Tal e como se tiran dos documentos dun organismo institucional de transparencia do Goberno mexicano aos que tivo acceso Praza, o contrato con PMI Norteamérica SA  inclúe o compromiso de mantelo en "estrita confidencialidade" para así "non poñer en risco a estratexia" que a devandita filial ten "para participar no proceso que leva a cabo Pemex Exploración" e poder así asegurarse a súa contratración no concurso que se levará a cabo nos vindeiros meses.

Pero os traballadores seguen sen fiarse. "Aquí estiveron agochándose uns destrás doutros; aos dirixentes de Navantia de Ferrol informáronos do acordo con Pemex o mesmo día no que se asinaba en San Caetano, pero nada máis", insiste Naveiras, que recoñece que o estaleiro estatal "mandou un pequeno equipo a México" para ir preparando o encargo do flotel, pero que non hai noticias "porque lles teñen metido no corpo o secretismo e a ameaza de que todo pode saltar polos aires".

"Creo que o PP vai quedar realmente mal porque lle mentiu a milleiros de persoas", di o presidente do comité

"Empezamos a pensar que aquí non hai nada para saltar polos aires;  houbo un momento político determinado e agora non saben como vestir este santo", quéixase. "Acusóusenos de pór en risco o acordo, pero creo que o PP vai quedar realmente mal porque lle mentiu a milleiros de persoas", advirte Naveiras, que recorda que incluso "hai queixas" de empresarios que piden tamén explicacións sobre o futuro do encargo para construír o flotel.

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto
Parte do informe requirido polo IFAI a PMI ao que tivo acceso Praza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.