O Consello de Ministros executa o recorte

Rajoy, con Sáenz de Santamaría no Consello en que se aprobaron os recortes © Goberno de España

A reunión foi dobre, con dous consellos de ministros, un primeiro deliberativo presidido polo rei, e outro decisorio, que confirmou as medidas adiantadas por Rajoy o mércores: eliminación da paga de nadal dos funcionarios, a diminución nas prestacións por desemprego a partir do sexto mes, a potenciación das deputacións ou o recorte do número de concelleiros, de liberados sindicais e das achegas a partidos, empresarios e sindicatos. A suba do IVE entrará en vigor o 1 de setembro, e a dedución por compra de vivenda deixará de aplicarse o 1 de xaneiro.

Entre as novidades e detalles dos axustes que se van coñecendo, destaca que unha parte dos produtos e servizos aos que se lles aplicaba o tipo reducido (10%) pasan a estar gravados polo tipo xeral (21%). Non soben o transporte, a hostelaría e os elementos "da cesta da compra", segundo Montoro, pero si todos os demais. É dicir, o 1 de setembro pasarán de tributar o 8% a facelo no 21% as entradas de cinema, exposicións, concertos, teatro, circo, espectáculos deportivos e discotecas, os soldos artísticos, os produtos sanitarios e de óptica, a construción de vivendas, os servizos funerarios, os servizos de limpeza, as perruquerías e centros de estética ou as consultas do dentista.

Boa parte dos produtos e servizos aos que se lles aplicaba o tipo reducido do IVE pasan a estar gravados polo tipo xeral

Ademais, xa se coñece a redución exacta dos días de libre disposición dos que gozarán os traballadores públicos: pasan de seis a tres ao ano, e ademais suprímense por completo os chamados canosos, os días gañados por antigüidade a razón de un por cada cinco anos de traballo na función pública. De igual xeito, modifícase o réxime retributivo do persoal ao servizo das Administracións Públicas durante a situación de incapacidade temporal. Así, durante os tres primeiros días, a prestación recoñecida acadará como máximo o cincuenta por cento das retribucións. Dende o día cuarto até o vixésimo, a prestación recoñecida en ningún caso superará o setenta e cinco por cento das retribucións.

 

Confirmación dos recortes e anuncio de máis reformas

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, afirmou no comezo da rolda de prensa posterior ao consello que "España vive hoxe un dos momentos máis difíciles e dramáticos da nosa historia recente" e anunciou que no que queda de ano se aprobarán unhas vinte leis, de liberalización de distintos sectores, unha reforza xudicial, e a Lei de Costas, a reforma da formación profesional e unha reforma enerxética, que aprobará este mesmo mes de xullo. Así mesmo, volveu xustificar os aplausos dos deputados populares aos recortes que anunciaba Rajoy, que segundo a vicepresidenta estaban "arroupando o presidente nunha decisión difícil". Ademais, xustificou as medidas pola herdanza recibida polo PSOE: "cun déficit do 6% non tomaríamos estas decisións"

De Guindos recoñeceu que as medidas adoptadas, poden supoñer unha contracción da actividade a curto prazo

O ministro de Economía, Luis de Guindos, recoñeceu que as medidas adoptadas, poden supoñer unha contracción da actividade a curto prazo, pero defendeu que a medio e longo prazo os axustes serán positivos pois xerarán "confianza" na economía española.

Aprobouse polo tanto o anteproxecto da nova Lei de Costas, que segundo Sáenz de Santamaría se basea na "tolerancia cero fronte as agresións nas costas", pero tamén quere dar "protección xurídica aos propietarios" e amnistía 11 núcleos conflitivos e no caso das rías (que afecta moi especialmente ás Rías Baixas galegas), reduce a servidume de protección de 100 a 20 metros, equiparando a costa das rías á protección que hoxe teñen os ríos. Tamén se pon en marcha a liberalización dos horarios comerciais e suprímense todos os límites ás rebaixas.

Tamén se decidiu a non renovación da renda básica de emancipación, mantendo a cobertura a quen xa tiñan o dereito adquirido, pero reducindo a axuda nun 30%, que pasa de 210 euros ao mes a só 147.

Vai adiante, así mesmo, a modificación da Lei de Bases de réxime local, nos termos adiantados por Rajoy: redución dun 30% dos concelleiros (ao redor de vinte mil) nas vindeiras eleccións municipais e asunción das competencias dos concellos con menos recursos por parte das Deputacións. É dicir, que os concellos municipios de menos de 20 mil habitantes que no cumpran cuns "mínimos de calidade e estean sometidos a plans de axuste (por exemplo os plans de pagamento aos proveedores), cederán parte das súas competencias ás deputaciones provinciais, que actuarán como xestoras centralizadas. También se anunciou que os interventores e secretarios municipais pasarán a ser dependentes da administración central do Estado. 

Apróbanse, igualmente, novas medidas tendentes á liberalización dos horarios comerciais e por exemplo amplíase o horario máximo de apertura comercial en días laborables de 72 horas semanais a 90 horas. De igual xeito, modifícase á alza o mínimo de domingos e festivos de apertura, de 8 a 10, a partir do 1 de xaneiro de 2013.

Rajoy, con Sáenz de Santamaría no Consello en que se aprobaron os recortes © Goberno de España
O rei preside o Consello de Ministros © Casa Real

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.