O Consultivo recea de que a Xunta insira sindicatos de funcionarios no Consello dos autónomos

Beatriz Mato, nunha intervención parlamentaria © Xoán Crespo

A Consellería de Traballo está en pleno proceso de tramitación do decreto co que creará o Consello Galego do Traballo Autónomo, o órgano de representación deste tipo de profesionais. Unha das peneiras polas que ten que pasar é a do Consello Consultivo, o órgano asesor da comunidade autónoma que ten, entre outras funcións, a de advertir o Goberno galego dos problemas de adaptación á legalidade que poidan ter os seus proxectos. Ao analizar o futuro decreto o Consultivo detecta un problema de encaixe legal na intención da Xunta de que, xunto ás organizacións sindicais "máis representativas" de Galicia -CIG, CC.OO. e UGT-, senten os "sindicatos de funcionarios", unha aposta que non é "razoable", a xuízo da presidenta do organismo, Teresa Conde-Pumpido, que exerceu como relatora do ditame.

Nomeadamente, o departamento que dirixe Beatriz Mato estipula, no artigo 10 do proxecto de decreto, que "entre os vogais do Consello" se inclúen "dezaseis persoas representantes das asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas e das organizacións sindicais e empresariais. "Catro" destas persoas sentarán no Consello "en representación e a proposta de cada unha das organizacións sindicais de maior representatividade da comunidade autónoma", atendendo ás normas da lei de participación institucional dos sindicatos e á lei da administración xeral.

O Consultivo subliña que os sindicatos de funcionarios non teñen representatividade no ámbito do traballo autónomo

Esta redacción, advirte o Consultivo, "non coincide coa que figura no anteproxecto, onde só se incuían tres representantes das organizacións sindicais máis representativas". Así, "a inclusión dun cuarto representante parece proceder" dunha disposición adicional da devandita Lei de Administración, na que se establece que "nos órganos de participación institucional" da propia Administración autonómica, "terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas". Pero segundo o ditame asinado por Conde-Pumpido, a participación institucional dos sindicatos da Administración "debrá entenderse referida, en todo caso, a aqueles órganos (...) nos que se adopten acordos que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos", caso que obviamente non é o das persoas autónomas.

Atendendo á lexislación vixente e mesmo á doutrina do Tribunal Constitucional, explica, este "precepto" non podería ser "de aplicación ao Consello Galego de Traballo Autónomo", dado que "as súas funcións non afectan, nin directa nin indirectamente, ás condicións de traballo dos empregados públicos". Do mesmo xeito, o Consultivo coida que a "participación de organizacións sindicais dos empregados públicos que non teñan a consideración de máis representativas nos termos da lei de liberdade sindical" non semella "proporcionada e razoable". Do mesmo xeito, di, tampouco "parece proporcionado nin razoable equiparar a unha organización sindical de empregados públicos ás organizacións máis representativas a nivel da comunidade autónoma", porque "as súas actividades están directamente relacionadas cos traballadores autónomos, apreciación que non pode realizarse respecto das organizacións sindicais de funcionarios".

Traballo incorre ademais nun "defecto procedimental", porque modificou o proxecto despois de amosárllelo aos sindicatos

Neste contexto, o ditame non só considera que non é axeitado equiparar os sindicatos de funcionarios aos máis representativos, senón que facelo podería ser tamén "discriminatorio respecto doutras organización sindicais" que, "sen ter a consideración de máis representativas", si que teñan "representatividade nun determinado ámbito funcional do traballo autónomo". A  isto engádese ademais que Traballo incorre nun "defecto procedimental", toda vez que a inclusión destes sindicatos no Consello produciuse "con posterioridade ao trámite de audiencia", isto é, despois de que as organizacións sindicais e profesionais "fosen consultadas". Estas, lembra, "teñen dereito a coñecer o texto do proxecto e a pronunciarse sobre el, dereito que resultaría cercenado se con posterioridade a este trámite se realizan modificacións substanciais" coma esta.

Beatriz Mato, nunha intervención parlamentaria © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.