O custe anual da xestión da auga creceu 70 millóns de euros entre 2008 e 2013

Depuradora de augas no Grove © Xunta

Distintos colectivos veñen denunciando nos últimos anos a conversión de determinados servizos e públicos e necesidades sociais en gorentosos negocios, novos mercados nos que as grandes empresas poñen os seus ollos, na procura de ingresos. A xestión do ciclo da auga, dende o subministro ata o seu saneamento e depuración, é un deles. Aínda que o servizo segue sendo público, nas últimas décadas moitos concellos entregaron a súa xestión a empresas privadas, ben directamente, ben a través da creación de empresas mixtas, nas que en todo caso a xestión sempre está en man da parte privada.

Entre 2008 e 2013 o custe anual da xestión da auga disparouse en Galicia, pasando dos 162 millóns de euros ata os 231, un incremento do 43%

Os datos oficiais dos importes facturados polas empresas -públicas, privadas ou mixtas- que xestionan o subministro e o sanemento das augas en Galicia constatan que este servizo move cada vez máis diñeiro, o que o converteu en obxecto de desexo para as macroempresas do sector. "Hai que preguntarse por que se privatiza, e os contratos non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro", destacaba hai unhas semanas en entrevista con Praza Luis Babiano, xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS).

O importe facturado polas empresas responsables do subministro, sumidoiro e depuración en Galicia era de 156,5 millóns de euros en 2003. E en 2008 crecera moi lixeiramente, ata os 162 millóns; o forte incremento dos custes xerados polo saneamento (pasaran de 29 a 59 en cinco anos) vírase compensado pola redución da factura de subministro (caera de 120 a 95 millóns). Porén, entre 2008 e 2013 o custe total motivado pola xestión da auga disparouse en Galicia, pasando deses 162 millóns ata os 231, un incremento do 43%. Aínda que o prezo do saneamento creceu de 59 a 78 millóns, o groso do incremento correspondeu aos custes de subministro: 50 millóns máis. Entre 2003 e 2013 o encarecemento acumulado foi do 48%.

Entre as cidades galegas tan só A Coruña conta cun servizo de augas xestionado por unha empresa pública

Entre as cidades galegas tan só A Coruña conta cun servizo de augas xestionado por unha empresa pública (Emalcsa, que se encarga tamén do subministro noutros sete concellos da área metropolitana). A xestión en Ferrol é responsabilidade de Urbaser (a través da empresa mixta Emafesa), en Lugo pertence a Saur International (a través de Gestagua), en Compostela está xestionada por Aguas de Barcelona (Viaqua), o mesmo que en Pontevedra e Ourense. Finalmente, a xestión en Vigo corresponde a FCC (Aqualia).

No conxunto do Estado a facturación tamén creceu de forma moi importante na última década. En 2003 sumaban 3.783 millóns de euros; en 2008 ascendera a 5.346 millóns; e en 2013 a factura era xa de 6.147 millóns. O incremento acumulado dende o 2003 é do 62,5%, mentres que entre o 2008 e o 2013 o crecemento foi do 15%, inferior ao que tivo lugar en Galicia.

  2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Depuración 29.509 63.441 65.217 48.848 63.784 58.898 67.028 75.332 78.129 73.275 78.133
Subministro 119.515 122.106 109.598 115.060 89.965 95.658 115.757 114.511 116.452 136.156 142.733
Investimento en servizos de subministro 7.531 3.143 5.485 5.111 4.287 7.282 3.336 6.121 676 9.305 10.238

Importe facturado polos servizos de subministro de auga, sumidoiros e deputación. En milleiros de euros. Fonte: INE

 

Dende este 1 de outubro, a xestión volve ser pública en Teo

Complétase así o proceso iniciado o pasado ano, coa anulación da prórroga a Aquagest e o inicio da remunicipalización

Dende este xoves 1 de outubro, a xestión do servizo de auga en Teo volve ser "municipal, pública e de xestión directa", segundo destaca a propia web do Concello, iniciando a súa actividade Augas de Teo, o servizo municipal de auga. Complétase así o proceso iniciado o pasado ano.

Despois de que en xuño de 2014 o Consello Consultivo avalara a fin do contrato de Aquagest, que fora prorrogado por Armando Blanco pouco antes das eleccións de 2007, o pleno de outubro deu comezo ao procedemento administrativo necesario para recuperar para o Concello "a xestión dun ben público como é a auga", destacaban dende o Goberno local. A posibilidade de asumir a xestión directa do servizo foi avalada pola Deputación da Coruña cun informe realizado o pasado mes de decembro.

En marzo o pleno municipal debateu e aprobou varios puntos relacionados coa municipalización do servizo: a propia proposta de xestión directa; a aprobación do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración; a modificación do cadro de persoal do servizo e a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por abastecemento de auga, sumidoiros e depuración.

Teo viña destinando 1.350.000 euros anuais ao servizo, unha cantidade que será menor coa xestión directa

O Concello de Teo viña destinando 1.350.000 euros anuais ao servizo. O estudo de custes para a municipalización “na proposta máis conservadora tanto no capítulo de ingresos coma no de gastos" -destácase dende o Goberno local- estima un custe total do servizo inferior a 1.130.000 euros.

Depuradora de augas no Grove © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.