A desviación orzamentaria e, sobre todo, o incumprimento das administracións públicas do obxectivo de déficit poden servir ao Executivo central á hora de xustificar os recortes de gasto. Medidas que, de non lograr unha tregua con Bruxelas, serán as máis severas en contía da historia recente da economía española. A taxa de déficit pechou en 2011 no 8,51%, 2,5 puntos por riba do que estaba calculado por parte do anterior Goberno. Alcanzar un nivel de déficit cero, meta marcada na Constitución case a bolígrafo por parte de PSOE e PP, está a máis de 85.000 millóns de euros de distancia. Case cinco veces máis do que se recortou co decretazo de maio de 2010, e outras seis veces por riba do que se recadou cos recortes das contas públicas para 2010. Ábrese a veda do recorte que a xustificación, para algúns sectores, está argumentada.
A cifra difundida este luns polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, divídese en varias partes: a da administración central, das comunidades autónomas, Seguridade Social e concellos. Todas as administracións incurriron en déficit. Malia que foi preguntao ao respecto, Montoro non quixo difundir o estado de ingresos e gastos, partida a través da cal se pode observar se este incremento exponencial do déficit se basea máis na caída dos ingresos ou na desmesura do gasto. É un aspecto crucial que o Ministerio tampouco quixo desglosar a este diario.
2010 Resultado | 2011 Resultado (avance) | 2011 Obxectivo | Desviación vs. obxectivo | |
---|---|---|---|---|
Administración Central | -5,72 | -5,10 | -4,8 | 0,30 |
Comunidades Autónomas | -2,94 | -2,94 | -1,3 | 1,64 |
Corporacións Locais | -0,48 | -0,38 | -0,30 | 0,08 |
Seguridade Social | -0,20 | -0,09 | 0,40 | 0,49 |
Total Administracións públicas | -9,33 | -8,51 | -6 | -2,51 |
Malia aos duros recortes acometidos polo Executivo anterior, o déficit apenas se recortou en doce meses. De aí a importancia, de novo, de coñecer a evolución dos ingresos. Tanto a recadación polo Imposto de Sociedades como do IRPF (cunha elevada taxa de paro) está padecendo de maneira severa. De calquera xeito, o déficit do Estado superou en tres décimas o seu límite. Foron as comunidades autónomas as que rexistraron un desfase de máis de punto e medio. As CCAA non reduciron a taxa de déficit en todo 2011. O desequilibrio das contas autonómicas supera os 30.000 millóns de euros, orzamento da Xunta de Galicia para máis de tres anos.
Déficit e endebedamento
No caso galego, a cifra de déficit superou en tres décimas o establecido polo Goberno central, o que significa que a desviación orzamentaria de Galicia supera os 540 millóns de euros. Contía que, por mandato constitucional, debe ser de cero. O dato do déficit contrasta, en todo caso, co da débeda. Non só no caso galego, senón tamén no de meirande parte das comunidades. Segundo os datos do Banco de España, o endebedamento da administración central aumentou en 10.000 millóns de euros durante os nove primeiros meses de 2011. No mesmo espazo temporal, as comunidades incrementaron o seu pasivo en máis de 11.000 millóns de euros. Non se corresponde, xa que logo, o peso do endebedamento co da estrutura da administración que bota man do empeño.
En Galicia hai pouco déficit pero moita débeda. Os mesmos datos do supervisor financeiro falan dun débito de preto de 7.000 millóns de euros, máis do 12% na ratio débeda/PIB. Extremadura, cun déficit do 4,6%, ten unha débeda que apenas supera os 2.000 millóns.