O déficit de Galicia sitúase no 1,07% do PIB

A conselleira de Facenda, nunha comparecencia recente © Xoán Crespo

Galicia rexistrou un déficit de 604 millóns de euros, o 1,07% do Produto Interior Bruto (PIB) da autonomía, no primeiro semestre do ano tanto en termos de Contabilidade Nacional como en termos homoxéneos (descontando os anticipos a conta), segundo os datos feitos públicos este xoves polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O dato é superior á media do conxunto de todas as comunidades, pero inferior ao mesmo período do ano pasado.

O déficit acumulado das autonomías é do 0,77%

En conxunto, as comunidades autónomas rexistraron un déficit de 8.063 millóns, o 0,77% do PIB, no primeiro semestre do ano en termos de Contabilidade Nacional, aínda que se se valora a cifra en termos homoxéneos (descontando os anticipos a conta), contabilizaron un déficit de 9.823 millóns de euros, o 0,93% do PIB.

O déficit alcanzado por Galicia é de 604 millóns de euros nos seis primeiros meses de 2012, cando no mesmo período do ano pasado situábase en 703 millóns, o que supón reducir nun 14,08% este dato. A porcentaxe que representa o déficit da Comunidade Autónoma sobre o conxunto do seu PIB até xuño (1,07%) é case dúas décimas inferior ao que representaba no primeiro semestre de 2011 (1,23%).

O déficit de Galicia descendeu un 14% con respecto ao ano pasado

Con estes datos na man, a Xunta garante que Galicia "cumprirá" o obxectivo de déficit público deste ano, fixado no 1,5% do PIB. A través dun comunicado, a Consellería de Facenda reivindica que en 2011 foi a comunidade que terminou como "a autonomía con menor déficit público" e destaca ademais que executou "con máis axilidade" e conseguiu "máis liquidez" porque "acelerou o seu programa anual de endebedamento na primeira metade do exercicio".

"Ademais, a Administración autonómica está a pagar con máis axilidade aos seus provedores, unha media inferior aos 50 días", subliña o departamento, que engade que estas circunstancias "permitiron" que a comunidade "puidese executar o seu orzamento a bo ritmo até o 30 de xuño, superando o 50%, 1,5 puntos máis que o ano anterior a esas alturas".

En termos de contabilidade nacional, todas as comunidades autónomas rexistraron déficit até xuño. As rexións con máis déficit foron Navarra (-2,50%), Estremadura (-1,89%) e Murcia (-1,80%). A continuación situáronse, Andalucía (-1,27%), Canarias (-1,24%), Galicia (-1,07%), Cantabria (-1,01%), Castela e León (-0,87%), Castela-A Mancha (-0,73%), Cataluña (-0,59%) Aragón (-0,68%), A Rioxa (-0,55%), Asturias (-0,53%), Baleares (-0,40%), Comunidade Valenciana (-0,30%) e País Vasco (-0,19%).

En canto á media estatal, o déficit en termos de Contabilidade Nacional é un 53,7% inferior ao rexistrado no mesmo período de 2011, cando alcanzou os 17.414 millóns, o 1,64% do PIB. Para o Goberno central, as autonomías están "no camiño" de cumprir o obxectivo de déficit do 1,5% a final de ano.

Feijóo, coa conselleira de Facenda no Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.