O desemprego non desapareceu aos 45 días malia á promesa de Feijóo

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

1. “Combater o paro como máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”

2. “Estratexia económica. Loitar contra a crise apostando polos nosos sectores produtivos cun plan estratéxico a desenvolver por un Goberno unido, coordinado e que saiba establecer prioridades”

O ano 2007 foi o que rexistrou un maior descenso do número de desempregados rexistrados nos servizos públicos de emprego. A economía española, botando man de capital fundamentalmente exterior, sufragou unha expansión económica que se baseou no consumo interior. A construción, agora demonizada, chegou a supoñer máis do 12% do Produto Interior Bruto (PIB) a nivel estatal. Pero esa dependencia do mercado interno tamén se evidenciou co excelente comportamento de actividades económicas como a hostalaría, a banca, o comercio polo miúdo ou as actividades de manufacturas. Iso si, vencelladas a industrias máis potentes. Unha economía satélite dunha estrela que non estaba en España.

En maio de 2009 había máis de 207.000 parados rexistrados en Galicia. Xa se rexistrara un incremento a nivel interanual. Se se toman os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo a Monte Pío só se reduciu o número de desempregados galegos entre o segundo e o terceiro trimestre (de 2009 e 2010) e no Nadal de 2011. O efecto estacional destes datos, así como a progresiva destrución de emprego industrial, deixan ver un deterioro do mercado laboral de Galicia que se iniciou con anterioridade á chegada do PP á Xunta.

Hai 70.000 parados máis en Galicia hoxendía que no momento en que o líder do PP galego asumiu os mandos da Xunta

Feijóo marcou o paro como o problema principal a combater, ao igual que fixo Mariano Rajoy antes das pasadas eleccións xerais. Ambas as dúas mensaxes, alén doutros aspectos políticos, ergueron aos dous galegos até o poder. Os dous botaron man, tamén, dunha mensaxe de menor imposición fiscal. Feijóo prometeu rebaixar o tramo galego do IRPF (e non o fixo) e Rajoy incrementou esta mesma taxa directa, que grava a renda do traballo. Non é posible desvincular a realidade e deterioro do mercado laboral galego do estatal, pero a estratexia económica do PP en Galicia penalizou certos sectores como a industria, o agro ou a enerxía.

Acabar co paro en 45 días

Na campaña electoral de 2009 Alberto Núñez Feijóo prometeu finiquitar o problema do desemprego en 45 días. Unha afirmación que se volveu rapidamente contra el tendo en conta os datos do Ministerio de Trabajo, da propia Xunta ou do Instituto Galego de Estatística (IGE). "Con Feijóo máis emprego, seguro", era unha das frases que se incluían nas mensaxes de campaña para Feij009. Ou "son mileurista pero Feijóo baixará os impostos", dicía outra. Dacordo coa Enquisa de Poboación Activa (EPA), máis fiable segundo os expertos, hai 70.000 parados máis en Galicia hoxendía que no momento en que o líder do PP galego asumiu os mandos da Xunta. 

O número de persoas que buscan activamente emprego sen éxito desde hai máis de 24 meses aumentou en 38.000 desde a vitoria dos conservadores

E hai un dato moi severo que evidencia que a crise laboral de Galicia nunca se resolveu malia a eses picos mencionados nos que se reduciu o número de persoas sen traballo. O número de persoas que buscan activamente emprego sen éxito desde hai máis de 24 meses aumentou en 38.000 desde a vitoria dos conservadores na comunidade. En total son 61.600 os galegos que levan dous anos ou máis no paro con escasa ou nula cobertura económica.

 

Tras a chegada de Feijóo á Xunta, e durante catro meses, os datos do paro rexistrado eran máis positivos no marco galego que no conxunto do Estado. Esta dinámica mudou drasticamente en setembro de 2009 cando o desemprego aumentou un 2,69% en Galicia, por riba da media española. Esta tendencia repetiuse en outubro, novembro, decembro e xaneiro de 2011 con picos de incremento intermensual do paro de ata o 3,9%. En setembro de 2010 volveu repetirse esta tendencia, o cal mostra en parte como o mercado laboral galego tamén fluctúa coa estacionalidade da demanda do sector servizos.

Link na web do PPdeG Dominio Público PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.