O desinterese de PP e PSOE deixa Vigo fóra da rede transeuropea de portos

Porto de Vigo © Praza Pública

O porto de Vigo non formará parte das infraestructuras nodais da Red Transeuropea de Transportes, da que si formarán parte 14 portos de todo o Estado, entre eles A Coruña. Esta decisión, de gran importancia económica para todo o sur de Galicia, confirmouse este martes, despois de que no Parlamento europeo non prosperase, ao decaer procedimentalmente, unha emenda dos deputados españois de PP e PSOE para elevar o estatus do peirao vigués e garantir por lei o seu acceso ao reparto de 33.000 millóns de euros de financiamento previstos para esta rede nos vindeiros sete anos. A Rede Transeuropea de Transportes recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos, e a súa categoría principal ou nodal acapara o 85% dos fondos.

Vigo xa non figuraba como porto prioritario ou medular no proxecto enviado polo Goberno á Comisión Europea no inicio da tramitación dos novos corredores do mercado común, sendo presidente Zapatero e ministro de Fomento José Blanco

Porén, dende o BNG acúsase precisamente a PP e PSOE de ser os responsables deste desenlace, polo "desinterese" e "inacción" amosados no pasado. De feito, Vigo xa non figuraba como porto prioritario ou medular no proxecto enviado polo Goberno español á Comisión Europea no inicio da tramitación dos novos corredores do mercado común, sendo presidente José Luis Rodríguez Zapatero e ministro de Fomento José Blanco. Nos últimos dous anos tampouco o Executivo presidido por Mariano Rajoy fixo esforzos suficientes para que Vigo fose incluído neste primeiro nivel da rede, o mesmo que a Xunta de Galicia. De feito, o BNG reclamoulle a Feijóo hai meses que "dese a cara" polo Porto de Vigo e deixase "de mirar cara outro lado".

Ana Miranda acusou a PP e PSOE de “querer tapar a última hora a súa falta de interese e de xestión en beneficio da infraestrutura viguesa”, presentando unha emenda que sabían que decaería e non sería votada na sesión deste martes. “Xa avisamos que no plenario dos trílogos, que se está celebrando estes días, o procedemento e os compromisos acadados pechaban calquera posibilidade de votación de emendas individuais”, destacou Ana Miranda, quen explicou que eses acordos vótanse en bloque e o Porto de Vigo non estaba incluído. Asegurou ao respecto que “calquera eurodeputado coñece o procedemento e sabe que hoxe ía haber un apoio maioritario aos compromisos, como así foi”.

O pasado mes de xaneiro Miranda propúxolles a PP e PSOE impulsar unha fronte común no Parlamento Europeo en defensa do Porto de Vigo. A daquela eurodeputada nacionalista acusaba os dous partidos de "deixar caer o Porto de Vigo na Comisión de Transportes da Eurocámara preferindo apoiar infraestruturas doutras partes do Estado". Nas cartas que lles remitira aos portavoces do PP e do PSOE na Comisión de Transportes, Luis de Grande e Inés Ayala, Miranda propoñía a presentación dunha emenda conxunta "ou calquera outra fórmula de consenso". "É unha cuestión de país, non se trata de protagonismos, nin de quen sexa o autor da emenda", concluía Miranda daquela. Porén, a emenda non chegou a tempo, cando a Rede aínda estaba en fase de definición.

É unha cuestión de país, non se trata de protagonismos, nin de quen sexa o autor da emenda", concluía Miranda daquela

O acordo do Parlamento Europeo inclúe na rede principal os portos españois de A Coruña, Algeciras, Barcelona, Bilbao, Cartagena, Gijón, Huelva, Las Palmas, Palma de Mallorca, Sevilla, Tarragona, Tenerife e Valencia, así como o porto fluvial de Sevilla.

Porto de Vigo © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.