O despido colectivo que propón Alcoa agudiza o drama do paro en Galicia

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

A sombra de peche, despidos e unha nova desfeita laboral asusta Galicia. Tras os novos malos datos do paro, desta vez é a situación Alcoa, cuxa dirección prepara un despedimento colectivo para as súas fábricas da Coruña e de Avilés, en Asturias, a que podería empeorar aínda máis o panorama do mercado laboral galego. A medida podería supoñer o peche de cada unha das plantas e a perda dos 400 empregos directos de cada factoría. A compañía argumenta que non son rendibles sen os incentivos eléctricos e logo dunha poxa que defende o ministro de Industria, José Manuel Soria, que culpa ás decisións da multinacional da súa situación.

A dirección de Alcoa prepara un despedimento colectivo que podería supor o peche da fábrica da Coruña, con 400 traballadores

O Ministerio defende que esta poxa dos incentivos eléctricos para as empresas con maior consumo de enerxía, celebrada hai dúas semanas, é a correcta. A multinacional do aluminio contaba con conseguir na poxa da interrompibilidade -servizo grazas ao cal os grandes consumidores rebaixan o seu consumo mesmo a cero se o sistema non ten capacidade para atender a demanda a cambio dunha retribución económica- seis bloques dos nove que se xogan de 90 megavatios. Tan só acadou tres e a firma precisaba catro deles para a planta de San Cibrao, na Mariña lucense, na que acabarán os tres conseguidos, ademais de cadansúa para as factorías coruñesa e asturiana.

"Non houbo unhas condicións para unhas empresas e outras condicións para outras", dixo este martes o ministro de Industira, que culpa a Alcoa e pregúntase "por que algunahs empresas baizaron o prezo moito nuns lotes e os levaron e noutros mantiveron un prezo moi elevado e non os levaron".

O Goberno central insiste en que o problema creouno Alcoa coa súa actitude na poxa

Desde Galicia e desde Asturias pídenselle solucións ao Executivo central para que evitar o peche das plantas e a perda de case un milleiro de postos de traballo, pero o Estado é rotundo. "Supoño que ninguén estará a expoñer ao Goberno que estableza unhas condicións singuarles e particulares nunha poxa para un determinado número de empresas en relación a outras", advertiu. Só abre unha porta: unha segunda poxa neste mes que se celebrará logo de que quedasen sen adxudicar unha contía elevada de megavatios. A ela, acudirán as empresas "nas mesmas condicións", segundo se aclara desde Madrid.

Non se aclaran, non obstante, as condicións desta segunda poxa. Na primeira o Goberno adxudicou os nove bloques de 90 MW sacados ao mercado e os megavatios pendentes de colocar (entre 600 e 700) correspóndense cos múltiples bloques de 5 MW que quedaron sen asignar. Os sindicatos entenden que se non se sacan a poxa novos lotes de 90 MW non haberá solución para Alcoa, porque a retribución por varios bloques de 5 MW, até alcanzar os 90, sería insuficiente para facer rendibles as plantas da Coruña e de Avilés.

Outro dos aspectos da poxa extraordinaria que impediría a solución ao problema de Alcoa é que, en teoría, a segunda poxa tomaría como prezo de saída o máis baixo alcanzado na primeira poxa, polo que as remuneracións serían aínda inferiores ás que xa rexeitou a multinacional do aluminio. Un motivo polo que os sindicatos entenden que habería que facer axustes "que permite o BOE" na regulación da poxa.

Tamén o martes, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, comprometeuse co persoal de Alcoa a defender as súas reivindicacións e aproveitar a "interlocución directa" co Ministerio para que a nova poxa garanta a viabilidade das fábricas da alumineira "de cara ao futuro" e o mantemento do emprego.

A Xunta critica agora o sistema, pero no pasado asegurou que o problema estaba arranxado co novo modelo do Goberno central

Agora, a Xunta critica o sistema, pero o no pasado, dera por feito que o problema das grandes consumidoras da enerxía estaba solucionado co novo modelo do Executivo central. E non tiña razón.

Desde Asturias, o presidente da comunidade, Javier Fernández, chamou a Núñez Feijóo a unirse na defensa de Alcoa e confía en que Galicia se unirá nunha fronte común coa súa autonomía na loita polos postos de traballo. Ademais, criticou a actitude do Goberno central e lembra que xa lle advertiu ao Ministerio de Industria que o sistema de poxa "podería levar ao peche".

Ademais, varios grupos políticos preguntaron xa a Xunta e Executivo de Madrid sobre as medidas que teñen pensado tomar. O BNG, tanto no Parlamento galego coma no Congreso, presentou diversas iniciativas. Mentres, os traballadores prometen loitar e resistir, logo de solicitar que se cambien os criterios da poxa para evitar o que xa parece inevitable.

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo
Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.