O drama dos noventa despidos nos quioscos de Cogami

Quiosco de Cogami en Compostela © Cogami

Á espera dun ERE de extinción que remate no seu despido, con tres nóminas -de tan só 645 euros- sen cobrar e nalgúns casos sen prensa que vender, liquidando o pouco que lles queda e sen calefacción coa que escorrentar o frío. Así é como se atopan os 90 traballadores da Rede Galega de Kioscos, empresa que pertence ao grupo GES (Galega de Economía Social), matriz empresarial da ONG Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade).

Noventa traballadores agardan o seu despido nos quioscos sen prensa que vender e sen cobrar desde novembro

A Rede Galega de Kioscos presentou o pasado outubro un concurso de acredores voluntario ante a súa suposta insolvencia, o que lle tería impedido cumprir coas súas obrigas, para logo pedir a liquidación da sociedade ante o xulgado. Administrado concursalmente, e en fase de liquidación, estes noventa traballadores de 37 quioscos repartidos por varias localidades galegas agardan o despido mentres levan desde novembro sen cobrar e se lles adebedan dúas mensualidades e unha paga extra de Nadal. Xente discapacitada que cobra aproximadamente o salario mínimo interprofesional. Fartos, e neste mesmo xoves, varios traballadores veñen de pecharse nas dependencias da GES para exixir o pago dos seus salarios e o mantemento dos postos de traballo ante a súa "situación desesperada".

O seu despedimento uniríase ao doutras 27 persoas de hai pouco máis dun ano, 17 deles a través de despidos disciplinarios que están a ser recorridos no xulgado e aos que a maioría a xustiza declara como nulos. Algúns foran incluso acusados de roubo para logo demostrarse que a acusación era mentira. Todo este conflito nunha empresa pertencente á ONG sen ánimo de lucro Cogami, que recibiu no último ano e medio uns 1,5 millóns de euros da Consellería de Traballo en subvencións para, precisamente, cubrir o custo laboral de manter centros especiais de emprego. O grupo GES, segundo a CIG, recibiu un total de case 3 millóns de euros en axudas do Goberno galego en 2014. A última, de 200.000 euros, destinada a evitar peches como o que ameaza agora. "A metade do salario dos empregados está pagado con axudas públicas", advirte Comisións Obreiras.

Cogami recibiu uns 1,5 millóns de euros en subvencións no último ano e medio para manter centros especiais de emprego

E a situación empeora a cada paso. Non é difícil atopar algún destes quioscos de prensa sen prensa xa nos seus escaparates. Venden o último que lles queda para liquidar e nalgúns casos os traballadores soportan baixas temperaturas ao ter quedado xa sen subministración eléctrica, o que levou a que se presentasen xa dúas demandas ante Inspección de Traballo. Por todo isto, os afectados convocan este xoves ás 18 horas unha concentración na sede de GES no polígono de Costa Vella en Santiago.

"Estamos afeitos a tratar estes conflitos, pero este é un auténtico despropósito que deixa totalmente indefensas a moitas persoas", asegura Purificación Fernández, de Comisións, coñecedora dunha situación que se enquista. Así, na última xuntanza na que representantes da empresa e dos traballadores se reuniron co administrador concursal, a compañía recoñeceu dispor de cartos para pagar os salarios pendentes. "Xa non teñen peto de onde sacar, moitos non poden pagar os alugueres e marcharon vivir a casas de familiares e outros non son quen de sufragar as menciñas que necesitan", insiste. "Están poñendo en risco a súa saúde porque teñen enfermedades crónicas", lembra o sindicato CIG.

"Son persoas con discapacidade e moitos deles tiveron que deixar as súas casas e non poden pagar as súas menciñas"

Os representantes do cadro de persoal insistiron en pedirlle á xuíza que se dea prioridade ao pago dos salarios que se lles deben aos traballadores, pero nada se amañou aínda. "Sospeitamos que a empresa non paga para facer presión", denuncian, tras adveritr do "desamparo" de noventa traballadores que son "persoas con discapacidade con moi difícil acceso ao mercado de traballo", nunha denuncia que comparten CCOO. "O propio administrador concursal recoñeceu que prefire gardar os cartos para pagar posíbeis facturas de luz, auga ou telefonía, en lugar de priorizar os gastos na parte máis sensíbel da empresa que son as traballadores”, denuncia a CIG.

Quioscos que non dan perdas

Ademais, a Rede Galega de Kioscos (RGK), segundo as contas de 2012 e 2013 depositadas no Rexistro Mercantil, ten o seu maior endebedamento coa súa matriz, Galega de Economía Social (GES), mentres que o outro gran grupo de acredores correspóndese aos 27 traballadores despedidos anteriormente. Por isto, os traballadores reclaman que o conflito se trate como grupo empresarial, xa que é un conglomerado "xerador de responsabilidade solidaria".

Os traballadores e sindicatos censuran a actitude da Xunta, "que non se preocupa de facer seguimento das empresas que subvencion"

E nesa responsabilidade, os empregados non inclúen só a Cogami e á xerencia da empresa, senón tamén á Xunta, "que dá os cartos en forma de subvencións e non se preocupa de facer seguimento ningún". "É insultante e inadmisíbel", censura a CIG. "Os que non son responsables son os traballadores", insisten, tras aclarar que as contas da RGK aclaran que os quioscos son son rendibles, mentres que a firma é a que "acaba dando perdas". "Aquí houbo unha mala xestión manifesta que está pagando o cadro de persoal en vez de pagala a xerencia", insisten, tras lembrar que pouco antes de que se presentase o concurso de acredores, presentárase un plan de viabilidade ao tempo que a Administración galega achegaba outra axuda.

Desde Cogami, unha voceira da ONG limítase a asegurar que "a empresa está nun proceso xudicial" e que, xa que logo, "é o administrador concursal o único que pode aclarar a situación". É a única declaración pública que realizan. Mentres, Hornos Lamastelle, outro centro especial de emprego de GES -e polo tanto de Cogami- leva a cabo despidos e baixas desde hai uns quince meses. A compañía botou o 20% do cadro de persoal e moitos destes empregados relataron insultos e encargos imposibles como medidas de presión.

Quiosco de Cogami en Compostela © Cogami
Manifestación contra os despidos en Cogami CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.