O drama que non cesa: 13.000 galegos emigraron no primeiro semestre

Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

O drama da emigración non se detén. Case 13.000 galegos marcharon do país nos primeiros seis meses deste ano na procura dun futuro mellor. O adxectivo emigrante que eternamente acompañou a Galicia volve agromar con forza en plena crise, segundo se tira dos datos que vén da Estatística de Migracións publicada polo INE. En concreto, 12.854 persoas emigraron neste primeiro semestre de 2013, 5.860 delas ao estranxeiro e 7.174 a outras autonomías do Estado.

Case 13.000 galegos marcharon de Galicia no primeiro semestre do ano na procura dun futuro mellor

O saldo migratorio, xa que logo, vira en negativo por primeira vez en anos, tanto no que ten que ver co estranxeiro como no interautonómico. Así, 5.860 cidadáns marcharon a outros estados, mentres que Galicia tan só recibiu 3.876 inmigrantes, o que deixa o saldo nunha cifra negativa de 1.804 persoas. Ademais, o saldo migratorio interior no conxunto do Estado quedou tamén en negativo (-159) ao deixar o país máis xente da que chegou a el doutros puntos de España.

Este drama da emigración únese tamén á perda de poboación e ao saldo vexetativo negativo que Galicia vén rexistrando nos últimos 25 anos. Desde aquela, no país morre máis xente da que nace cada ano. Así, o 1 de xullo de 2013 a poboación galega situouse nos  2.753.960 persoas fronte aos 2.761.970 habitantes de seis meses antes, o que supón unha diferenza de -8.010 cidadáns e un crecemento relativo do -0,29%.  Outro drama que se acentúa cos datos qu e se tiran das cifras do paro.

O drama da emigración únese ao saldo vexetativo negativo, o que supón que o país teña 8.000 habitantes menos que a principios de ano

No pasado mes de novembro, a cifra de desempregados volveu aumentar en Galicia, ao contrario que no conxunto do Estado. No entanto, o total de galegos e galegas inscritos nas oficinas de emprego mantense estable no negativo no último ano, pero non deixa de reducirse o número de afiliados á Seguridade Social, 18.500 persoas menos nos últimos doce meses. É dicir, o paro non sobe porque cada vez son máis os que deixan de buscar emprego, ben por desesperación, ben porque marchan a outros lugares. A eterna emigración. A terceira emigración galega.

Dende 2008 perdéronse máis de 215.000 empregos en Galicia, 50.000 só no último ano e, destes, oito de cada dez correspondían a menores de 35 anos. Son estes datos os que explican que entre 2003 e 2010 máis de 315.000 galegos e galegas marchasen traballar a outras comunidades autónomas, e que a metade deles fosen menores de 30 anos, segundo pon de manifesto un estudo da Revista Galega de Economía.

Máis de 315.000 galegos marcharon a traballar a outras autonomías entre 2003 e 2010, a metade deles menores de 30 anos

Os datos só analizan o período entre 2003 e 2010, polo que deixa fóra tres anos máis de crise económica que se cadra poderían reflectir un panorama mesmo máis negativo. Entre eses anos foron contratados fóra de Galicia 315.155 galegos e entraron a traballar no país 186.469, o que determina un saldo neto de expulsión de man de obra de 128.686 persoas. Porén, o máis salientable son as características cualitativas desta emigración: un 46,7% dos que marcharon fóra ten menos de 29 anos e outro 39% ten entre 30 e 44 anos. O 70% son homes, pero a emigración feminina concéntrase nas idade máis novas (o 61% delas tiña menos de 29 anos) e entre as persoas máis formadas (entre os licenciados que marchan, máis da metade son mulleres).

Varias persoas agardan polas súas maletas nun aeroporto CC-BY-SA Daniel Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.