O empregados públicos seguen a sufrir recortes tras perder o 10% de poder adquisitivo nun ano

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

O novo recorte ao salario dos empregados públicos acentúa a perda de poder adquisitivo dos 90.000 traballadores afectados agora por unha nova tesoirada dos gobernos do PP. Neste caso, a Xunta rebaixa, de media, un 4% o soldo dos funcionarios a través da redución do 40% das súas pagas extras.

O Executivo de Feijóo decidiu non reintegrar a totalidade destas pagas extras, malia que o Goberno central si a recuperou incluíndoa nos Orzamentos do Estado. Para curarse en saúde, o presidente galego xa advertiu de que se Rajoy cambia de opinión e decide suprimila totalmente de novo, el veríase obrigado a facer o mesmo. E non é nada descartable que así sexa.

A conxelación salarial e a rebaixa constante do soldo baixan ano a ano o poder adquisitivo dos empregados públicos

Nese caso, o recorte no salario dos empregados públicos vai do 2% para os que menos cobran até o 6% para os que máis e agravará aínda máis a situación dun sector fundamental na economía galega. E aínda que non fose así, o persoal das administracións seguirá tragando cos recortes, sometido á conxelación salarial, sen que haxa posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende o ano 2009, e vendo como o seu soldo segue baixando ao tempo que os prezos continúan subindo.

Atendendo aos datos do INE e ás táboas da evolución do poder adquisitivo elaboradas por sindicatos como a CIG, no último ano, os empregados públicos perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (-9,9%). Esta redución chega logo da supresión da paga extraordinaria, que supuxo unha baixada de algo máis do 7% no salario, unido á suba do IPC, que a remate de novembro se situou no 2,7%.

A perda de capacidade adquisitiva dos funcionarios foi dun 10% nun ano e dun 32,5% na última década

Se botamos a vista atrás, nos últimos dez anos a perda de poder adquisitivo dos traballadores públicos de Galicia foi do 32,5%, un descenso máis de dous puntos superior ao que sufriron os empregados das administracións públicas no conxunto do Estado, que chegou ao 30,4%. O soldo dos funcionarios galegos incrementouse pouco máis dun 5% na última década, pero o os prezos acumulan un aumento de máis do 37%. As contas son claras. Desde 2010, a perda é dun 23%.
 

Perda de poder adquisitivo dos empregados públicos
Ano IPC Galicia IPC Estado Suba salarial Diferenza Galicia Diferenza Estado
2002 3,8% 3,5% 2% -1,8% -1,5%
2003 3,1% 3,0% 2% -1,1% -1%
2004 3% 3,0% 2,7% -0,3% -0,3%
2005 3,4% 3,4% 2,6% -0,8% -0,8%
2006 3,5% 3,5% 2% -1,5% -1,5%
2007 5,3% 4,9% 2% -3,3% -2,9%
2008 2,1% 2,1% 2% -0,1% -0,1%
2009 2,6% 2,1% 2% -0,6% -0,1%
2010 4,5% 4% -5% -9,5% -9,%
2011 3,6% 3,1% 0% -3,6% -3,1%
2012 2,7% 2,9% -7,2% -9,9% -10,10%
Total 37,6% 36,1% 5,1% -32,5% -30,40%

Ademais, a todos estes recortes hai que engadirlles tamén a serie de medidas que a principios de ano aplicou a Xunta ao sector público. Rebiaxa na paga que cobran os empregados por baixa laboral, a redución voluntaria da xornada dos interinos, supresión dos dereitos de comedor ou os días libres por domingos ou festivos e o recorte dos días de asuntos propios, que pasaron de nove a tres.

Daquela, xustificáronse as medidas para evitar reducir o salario logo da supresión da paga de Nadal levada a cabo por Rajoy e tras a anterior rebaixa do 5% no soldo que fora aplicada xa durante o Goberno de Zapatero.

Protesta do persoal da Xunta, en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.