O emprego en Galicia: traballar máis horas e cobrar menos que no resto do Estado

Persoal dunha factoría CC-BY-NC-SA CIG

Os asalariados galegos traballan máis e cobran menos -bastante menos- que a media no Estado. Así o volven demostrar os datos da Enquisa Trimestral de Custo Laboral que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o segundo trimestre deste ano 2014. Segundo o informe, tan só estremeños e canarios reciben un menor salario polo seu labor, aínda que cunha importante diferenza, xa que tanto uns como outros traballan menos horas ao mes cós empregados de Galicia, que superan unha media estatal da que se afastan moito estas dúas comunidades.

Tan só estremeños e canarios cobran menos que os asalariados galegos, que traballan máis horas

Tal e como asegura o estudo, o custo salarial por traballador e mes en Galicia foi de 1.671,88 euros, fronte á media do conxunto do Estado que se sitúa nos 1.929,58 euros. A cifra supón, ademais, un descenso do -0,2% no país con respecto ao mesmo trimestre do pasado ano en Galicia, mentres que a do Estado mantense exactamente igual. Xa que logo, a diferenza do soldo medio dos galegos comparado co do conxunto de españois é de máis de 250 euros, pero de case 540 cos salarios na Comunidade de Madrid, onde a media é de 2.306. En Euskadi é de 2.213 e en Cataluña de 2.070. Pola contra, tan só Estremadura e Canarias amosan peores números, cun salario medio de 1.603 e 1.607 euros mensuais respectivamente.

A diferenza do soldo medio dos galegos comparado co do conxunto de españois é de máis de 250 euros

Ademais, por hora efectiva, o salario dos galegos é de 12,43 euros, polos 14,71 da media de España. Mentres en Galicia se incrementou nun 1,5% con respecto a hai un ano, a media do Estado medrou nun 3,7%. Pero aquí tamén hai diferenzas. En canto ao tempo de traballo, as horas pactadas no país foron de 153,1 ao mes, mentres que a media estatal non chega ás 150 (149,3). No caso de Estremadura e Canarias, as dúas únicas autonomías onde se cobra menos que en Galicia, as horas pactadas mensuais son de 144,5 e 147,6 respectivamente, case nove e seis menos.

O informe diferenza entre traballadores a tempo completo -con 169,2 horas pactadas en Galicia polas 168,5 no conxunto do Estado- e a tempo parcial, con 88,1 e 86,6 no país e na media estatal.

En canto ao custo laboral total mensual, este ascende en Galicia aos 2.291,77 euros, mentres que a media estatal sitúase en 2.580,64. O custo por hora, neste caso, foi de 17,04 na comunidade autónoma e de 19,67 no conxunto do Estado, o que supón un incremento do 1,6% no caso galego e do 3,5% no caso español. 

Traballador da construción nun tellado en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.