O emprego recupera en Galicia niveis de hai oito anos cun 50% máis de contratos que daquela

Instalacións dunha oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego como demandantes dun posto de traballo sen estar a traballar nin a seguir cursos de formación, o coñecido como paro rexistrado, quedou o pasado mes de xullo en Galicia en 163.412 persoas tras unha baixada absoluta a respecto do mes anterior de 6.653 inscricións, a maior do Estado (-3,91%), e unha redución interanual de 18.459 (-10,15). Este indicador regresa así a niveis do verán do ano 2008, inmediatamente antes do considerado como inicio da crise económica. O verán tamén impulsa a creación de emprego e, como adoito, o seu comportamento non é mecanicamente parello ao do paro rexistrado: a afiliación media á Seguridade Social avanzou en 15.046 persoas a respecto do mes previo e 24.947 nun ano.

O paro rexistrado acadou xa niveis previos á crise, mentres que o emprego rolda as cifras de 2010 tras atravesar o limiar do millón de cotizantes

Con este novo crecemento da media de persoas a cotizar na Seguridade Social o total ascende un chisco máis por riba do millón de empregos, limiar que atravesou o pasado xuño por primeira vez en sete anos e que sitúa o volume total do emprego en niveis semellantes aos do verán do ano 2010, aínda que un chisco por baixo. Así e todo, a diferenza con aquel ano é notable noutros aspectos: as persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego eran case 210.000 e os contratos asinados para obter o mesmo nivel de emprego eran moitos menos: 77.941. O pasado xuño foron un 50% máis, case 120.000.

Naquel verán de 2010 o volume de persoas que conforman o paro rexistrado iniciara unha senda descendente aínda que seguía a medrar a un 7% interanual, se ben dende mediados de 2011volvería experimentar unha notable alza ata medrar case un 17% interanual. Aínda faltaban, ademais, case dous anos ata tocar teito no número total de persoas sen traballo.

Para atopar uns niveis de redución interanual do desemprego tan pronunciados en termos interanuais como os actuais (-10,15% en xullo) hai que remontarse ao ano 2007, aínda que daquela a afiliación á Seguridade Social, o emprego, crecía en Galicia por riba do 4% e agora está, cando menos polo momento, na contorna do 2,5%.

O que si medra moito máis que antes da crise é a contratación, aspecto no que os principais sindicatos e a oposición parlamentaria galega ven unha mostra de precariedade laboral. Galicia rexistra un incremento interanual da contratación en xullo superior ao 10%, mentres que inmediatamente antes da crise este indicador se movía na contorna do 7%.

Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Traballo este 2 de agosto, a contratación indefinida reduciuse en Galicia un 2,79% a respecto do mes anterior (231 contratos menos deste tipo) aínda que crece por riba do 21% anual (1.411 contratos). Mentres, a contratación temporal crece en xullo un 15,85% (15.129 contratos máis que en xuño), o que supón un avance internual do 9,49% (9.579 contratos temporais máis que en xullo de 2017).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.