O eólico, outro sector que esmorece en Galicia

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

Outro sector que esmorece en Galicia. A crise e a falta de planificación económica dos gobernos galego e estatal están acabando de vez coa potencialidade eólica do país e levando por diante milleiros de postos de traballo. Na comarca de Ferrolterra, que sofre tamén desde  hai anos a grave situación pola que pasa o naval, o goteo de empresas vinculadas aos muíños de vento que caen cada pouco continúa. A última, a multinacional Alstom Wind, que vén de decidir pechar a súa fábrica das Somozas e o seu centro loxístico de Narón para levar a súa produción a Navarra. Se nada cambia, 63 empregos menos, ademais de todos os postos de traballo vinculados a esta compañía e que tamén semellan abocados a desaparecer.

O peche de Alstom nas Somozas e Narón é o último dun desmantelamento do sector eólico en Ferrolterra

Aínda sen datos oficiais, a patronal eólica (Asociación Eólica Galega) cifra en arredor de 1.500 os empregos destruídos durante os últimos cinco anos tan só nesta comarca, á marxe dos que tamén desapareceron noutros puntos de Galicia, especialmente no norte da provincia de Lugo. Ferrolterra convertérase nunha zona especializada de fabricación de todo tipo de compoñentes para os aeroxeradores en diferentes plantas e empresas que foron desaparecendo nos últimos anos. Gamesa, das poucas que aguanta, mantén traballo, pero arredor dun terzo dos operarios que tiña  hai uns anos.

Logo da suspensión temporal das primas ás renovables, a obsesión do Goberno central por conter o déficit tarifario a costa das enerxías alternativas levouno a practicamente eliminar esta gratificación. Se antes a actualización da devandita prima seguía o IPC, a partir de agora empregarase a inflación subxacente (sen ter en conta a variación nos combustibles, alimentación, comunicación ou transportes), o que supón que se pase do 3,5%, segundo a última referencia, a arredor do 0,5%. O real decreto lei de medidas urxentes no sistema eléctrico aprobado polo Executivo acabou de dar un golpe definitivo en Galicia ao sector eólico, que xa esmorecía pola inseguridade xurídica derivada da anulación do concurso do bipartito que acabou por paralizar a actividade tras a chegada da crise económica.

A paralización na adxudicación de megavatios fai que as empresas abandonen o negocio en Galicia

"As empresas poderían amortizar en pouco tempo os parques eólicos se lles desen máis megavatios e puidesen instalar máquinas novas, pero non lles interesa porque a potencia que poden engadir non lles compensa", explica Roberto Castro, presidente do comité de empresa de Alstom nas Somozas, que denuncia a "paralización" da adxudicación de megavatios por mor da "inseguridade xurídica" derivada dos cambios no marco regulatorio. Ademais, advirte de que á perda de 63 postos de traballo na súa compañía  haberá que engadirlle "outros 30 ou 40 postos de traballo máis" do persoal que traballa nos parques eólicos.

O vindeiro xoves, representantes do comité de empresa manterán unha xuntanza coa compañía en Madrid para intentar manter as plantas de Galicia. "Nunca houbo conflito cos traballadores e fixemos todo o que nos pediron; houbo flexibilidade, chegamos a acordos para as horas extras e non houbo nin un só accidente", lembra.

Pero os problemas viñan xa de lonxe no sector, tal e como lembraba en Praza Rosa María Regueiro, doutora en Economía pola USC, profesora de Economía Aplicada da UdC e autora d'A propiedade do vento galego."Seguramente o concurso eólico do bipartito non era perfecto, pero a Xunta de Feijóo anulouno, apareceu unha nova lei, presentáronse recursos e as primas desapareceron... E agora chega esta bomba de Madrid", dicía en referencia ao último decreto.

Desde a patronal, xa advertiron de que moitos parques eólicos poden quedar en mans dos bancos ao non poder pagar os seus préstamos, ao tempo que varios expertos -que a través dun manifesto xa pediran a recuperación das primas ás renovables- avisaban que "as empresas pequenas desaparecerán ou serán absorbidas polos grandes grupos". "Cando o sector estaba maduro, suprimíronse as primas, cando o lóxico, en todo caso, sería que se conxelasen ou se fosen reducindo pouco a pouco e non suprimilas de golpe", di Regueiro.

Pero xa foi. A Xunta desaproveitou a potencialidade e incluso a patronal insiste para que o Executivo galego cambie unha política "improvisada, errática, sen criterio e incoherente" cun sector que puido servir de amortiguador para a crise económica no país. "Se Feijóo e Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, en Galicia poderían estar traballando 10.000 persoas máis no sector", lembraba o economista Manuel Lago. De momento, e nos últimos cinco anos, cando menos 1.500 empregos desapareceron en Ferrolterra.

 

Mobilización de traballadores de Alstom Dominio Público @beatrizsestayod

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.