O ERE do Santander afecta cinco centros de traballo en Galicia

Protesta contra un ERE en Santander CC-BY-SA CIG

O ERE do Banco Santander afectará finalmente cinco centros de traballo en Galicia, catro deles na cidade da Coruña e un en Compostela. A entidade, logo da compra do Grupo Popular que incluía os restos do Pastor, pon sobre a mesa un recorte que suporá a marcha de máis de 1.500 traballadores en todo o Estado, ademais da reubicación de 575

O ERE do Santander suporá a marcha de más de 1.500 traballadores no Estado e a recolocación de case 600

Este expediente de regulación de emprego, previo ao que se levará a cabo na rede de oficinas en 2019, afectará cinco centros galegos, tres deles do Pastor e dous do propio Santander. Será A Coruña a urbe máis afectada, xa que se prevén recortes nas instalacións do Grupo Popular da rúa Orillamar e do Cantón, así como os que a entidade que preside Botín ten en Durán Loriga e no mesmo Cantón. Ademais, tamén haberá  marchas de persoal nas oficinas que o banco absorbido polo xigante bancario mantiña na praza de Vigo de Compostela. 

O recorte afectará cinco centros galegos, catro deles na Coruña e un en Compostela, e ameaza 500 empregados

Finalmente, quedarán fóra do recorte as oficinas do Pastor en Bergondo, onde traballan 37 profesionais. É a primeira proposta deste ERE, que nos cálculos máis pesimistas, como advirte a CIG, podería supor a saída dunhas 500 persoas en Galicia no caso de que os servizos se centren en Madrid, aínda que as previsións indican que serán algo máis de 150 os traballadores que se verán afectados no país por un ERE que priorizará as prexubilacións a maiores de 58 anos. 

Todos os sindicatos das entidades en Galicia cualifican de "excesivo" un axuste que chega logo de varios recortes de persoal e EREs pasados en todas as entidades. A vindeira xuntanza das centrais coa dirección do Santander terá lugar o próximo luns 13, no que se deberían coñecer detalles sobre as condicións. O 16 de novembro comezaría xa o período de consultas e os despedimentos comezarían a aplicarse en xaneiro, segundo calcula a CIG, que xa convocou unha mobilización o martes 14 ás 11.30 horas no Cantón da Coruña para protestar contra este expediente. 

O ERE do Santander chega logo de que o Popular, antes de ser mercado pola entidade que presidente Ana Botín, levara a cabo outro hai agora un ano que afectou case 2.600 traballadores en todo o Estado e máis de 300 en Galicia, case o 20% do cadro de persoal no país. Tan só uns meses antes, o propio Santander levara a cabo outro ERE que afectara 1.400 persoas en toda España, varias ducias delas empregadas en Galicia, onde tamén pecharon oficinas.

O Popular, antes de ser mercado polo Santander, xa prescindira de máis de 300 persoas en Galicia

Ademais, hai xa uns cinco anos, a integración do antigo banco galego no grupo Popular supuxera xa unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola reestruturación dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións. Agora, haberá que ver se este novo recorte afecta tamén as oficinas vinculadas aso servizos centrais que o Santander e o Popular teñen no país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.