O persoal en folga demanda a readmisión dunha traballadora despedida, a regularización das categorías profesionais de varias das traballadoras e a súa equiparación salarial
Dende hai unha semana a maior parte do persoal do espazo artístico Beatriz Seijo, en Compostela, manteñen unha folga indefinida para reclamar a readmisión dunha traballadora despedida, a regularización das categorías profesionais de varias das traballadoras e a súa equiparación salarial. O paro, secundado polo 80% do persoal, está a ser acompado de concentracións e outras actividades reivindicativas -como aulas abertas- ante a sede do estudio, situado no barrio de Santa Marta.
O persoal en folga presentou xa o pasado 11 de setembro un manifesto no que explica as razóns da mobilización "despois de varios meses de conflitos e de non ver respectados os seus dereitos máis básicos". A folga conta co apoio de CIG-Ensino, que publicou unha folla informativa co contexto do conflito laboral e o cadro de reivindicacións das traballadoras.
A folga indefinida iniciada o pasado 11 de setembro acompáñase doutras accións reivindicativas, como concentracións e aulas abertas
O sindicato denuncia que nas últimas semanas "a empresa só respondeu con desaires, soberbia e faltas de respecto aos intentos de negociación por parte do comité de folga" e que "só 24 horas antes de terse iniciado este paro, os seus responsábeis intentaron un tímido pero insuficiente achegamento aceptando verbalmente algunhas das cuestións plantexadas pero sen citar as máis relevantes"-
O persoal demanda a readmisión da traballadora despedida, "que levaba máis de un ano cunha vinculación laboral de falsa autónoma coa empresa", tamén a equiparación salarial de todo o persoal e o cumprimento do convenio no tocante ao calendario laboral, rexistro horario, compensación de horas extras, así como a regularización das categorías profesionais e da súa antigüidade.
O persoal pide reducir as rateos nas aulas, agora que o centro rolda as 400 matrículas
Ademais, pide reducir as rateos nas aulas, agora que o centro rolda as 400 matrículas, e contar cun plan de seguridade para as distintas actividades que se levan a cabo no centro. "Quanta gente valoraría umhas ratios nas aulas estratégicas, nas que a atençom personalizada e sem estresses garantira a qualidade da ensinança?", sublíñase no manifesto lanzado polo persoal.
CIG-Ensino presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo contra a empresa, á que acusa de vulnerar o dereito de folga
Este martes CIG-Ensino denunciou ante Inspección de Traballo as "ilegalidades" nas que Beatriz Seijo Art Studio + Gallery está a incorrer segundo o sindicato durante a folga indefinida. A central afirma que a empresa está a vulnerar o dereito de folga das traballadoras e sinala que a dirección "está substituíndo por persoal interno as compañeiras en folga, concretamente durante as clases de creatividade infantil celebradas o mércores, venres, sábado e onte luns, e tamén as aulas de creatividade xuvenil".
O comité de folga insta a empresa "a cesar esta actitude e a sentar, desde a boa fe negociadora, para intentar solucionar un conflito que satisfaga as partes e poder así reiniciar a actividade da empresa con total normalidade". O persoal anunciará novas mobilizacións para os vindeiros días.