O Estado aproba a rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca tras o visto e prace de Bruxelas

Pedro Sánchez, durante unha xuntanza con Íñigo Urkullu © PSOE

O pacto entre PP e PNV para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, con Mariano Rajoy aínda na Moncloa, incluíu unha rebaixa tarifaria da electricidade que se aplicaría ás empresas vascas a partir deste ano 2018, o que evidenciaba a posibilidade de adaptar, mediante negociación política, os importes en función das características de cada lugar ou situación.

O acadado polo PNV para Euskadi non é unha tarifa eléctrica propia como a reclamada polo CIG, BNG, En Marea e diferentes administracións do país. Pero si é a solución a unha problemática que levaba anos en debate e unha vantaxe evidente para as súas grandes empresas. "Gañamos en competitividade", asume o Goberno vasco. 

O Goberno central aprobou neste mes a rebaixa da tarifa eléctrica que afecta un milleiro de empresas vascas 

Desde Galicia reclámase que tanto familias como compañías poidan beneficiarse do feito de que o país sexa produtor excedentario de enerxía e soporte todos os custos medioambientais e de impacto que iso supón. Nunca se formulou seriamente por parte da Xunta. No entanto, o pasado 5 de outubro, en Consello de Ministros, o Goberno central do PSOE deu o visto e prace a esta mudanza tarifaria, logo de que Bruxelas dese tamén vía libre tras rexeitar unha denuncia do Síndic de Greuges (Valedor do Pobo catalán) que a consideraba unha axuda de Estado ilegal, tal e como informou Diario Vasco.  

Bruxelas deu o visto e prace á mudanza tarifaria logo de rexeitar unha demanda do Valedor do Pobo catalán

No País Vasco, o acordo entre PNV e PP acaba cunha "discriminación" disque "histórica" que en custos enerxéticos sufrían grandes firmas con respecto a competidoras doutras autonomías ao estaren contectadas a redes de alta tensión de 30.000 voltios e non ás de entre 44.000 e 66.000 dos territorios onde a industrialización chegou máis tarde. Estas últimas teríanse beneficiado de tarifas máis baixas, mentres que outras comunidades en situación semellante á de Euskadi podían optar por conexións alternativas máis baratas que para as empresas vascas non eran posibles. Xa en 2013, populares e nacionalistas pactaran instar o Goberno central a unha mudanza que se aplica definitivamente agora e que beneficia ao 85% das 200 maiores firmas industriais vascas e a un total dun milleiro de firmas (a maioría pemes). Supón un aforro conxunto de 50 millóns e unha evidente mellora da competitividade.

Preguntado o pasado ano pola cuestión, Feijóo advertía de que "non hai tarifa vasca". "É como se me din a min que teño tarifa galega porque empresas grandes consumidoras, como Alúmina, teñen descontos, ou pola subestación que pedimos para PSA-Citroën", dixera o presidente galego, que comparou o acadado polo PNV coa poxa de interrompibilidade que rexe para empresas como Alcoa. 

Aínda antes, Feijóo rexeitaba promover unha tarifa eléctrica galega porque "ningún español o entendería". A preguntas da prensa sobre a repetida proposta do BNG, o presidente da Xunta aseguraba que "eses plantexamentos non se sosteñen nin en España nin en Europa" porque implicaría que a tarifa mudase "en función do punto quilómetrico no que se viva" e impediría que cada Estado tivese a súa tarifa unitaria. Esquecíase o xefe do Executivo galego das diferentes tarifas, segundo territorios ou áreas, que se aplican en países como Alemaña, Suíza ou o Reino Unido.

O Bloque lembra que leva anos reclamando unha tarifa eléctrica galega que conta co veto do PP mentres "Euskadi si conta con ela"

Este mércores, logo de coñecerse o anuncio do peche de Alcoa, Ana Pontón, voceira do BNG, considerou "un dislate" que o PP "siga vetando unha tarifa eléctrica galega" e "un dislate que nun país que produce electricidade a esgalla e exporta o 40% do que produce haxa empresas que poidan pechar, coa conseguinte destrución de emprego, polo custo da electricidade".

O Bloque lembra que leva "anos" reclamando "unha tarifa eléctrica galega que permita a familias e empresas beneficiarse do feito de ser Galiza produtora neta de enerxía". A demanda "sempre bateu co veto do PP a esa tarifa coa que si conta Euskadi". "A denominada europeaxe foi pactada co Goberno do PP de Rajoy e recentemente mellorada polo Goberno do PSOE de Sánchez".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.