O Estado condena a Galicia a un AVE de segunda categoría

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento

Os axustes orzamentarios chegaron finalmente, e con virulencia, ao maior proxecto de creación de infraestrutura da democracia. O AVE xa é historia, polo menos nos estándares de rapidez máxima e alta capacidade que coñeciamos até o de agora, con equipamentos moi custosos para velocidades de máis de 300 quilómetros por hora. Os novos tramos de conexión ferroviaria que están en execución ou en proxecto para integrar na rede xa existente a Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Estremadura, Andalucía Oriental e Murcia faranse con velocidades máis moderadas (200 a 250 quilómetros por hora) e, sobre todo, en vía única.

Os novos tramos de conexión para integrar na rede a Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Estremadura, Andalucía Oriental e Murcia faranse con velocidades máis moderadas

O que era o segredo mellor gardado do Ministerio de Fomento e do seu controvertido brazo executor das obras do tren veloz, Adif, quedou finalmente desvelado. A oficialización do cambio de modelo na AVE plasmouse por procedementos executivos na recente convocatoria dos concursos de instalación de vía, electrificación e sinalización para os tramos que restan por executar na liña de conexión ferroviaria entre a meseta castelá-leonesa e Galicia, entre as poboacións de Olmedo e Ourense.

 

A vía dos feitos

O importe dos devanditos concursos ascende a 641 millóns de euros e a súa contía está destinada á redacción dos proxectos construtivos, execución das obras, conservación e mantemento das instalacións de encravamentos, sistemas de protección do tren, control de tráfico centralizado, sistemas auxiliares de detección, telecomunicacións fixas, GSM-R e instalacións de protección e seguridade. Ademais, inclúe o mantemento futuro desta liña e da conexión entre Ourense e Santiago de Compostela que está xa en servizo comercial.

Polo menos uns 70 quilómetros da liña entre Olmedo, Medina e Ourense faranse en vía única

Fontes dos consorcios empresariais que tiveron acceso aos pregos destas licitacións indican que polo menos uns 70 quilómetros da liña entre Olmedo, Medina del Campo e Ourense faranse en vía única. Ao longo da única vía deste trazado habilitaranse algúns desvíos en vía dobre para poder facer o cruzamento de trens.

Esta estratexia redutora tamén afectará o paso pola barreira natural dos altos de La Canda e o Padornelo e aos últimos 50 quilómetros antes da chegada a Ourense. A particularidade en ambos os dous tramos é que os túneles necesarios que non estean aínda tendidos executaranse cun só tubo que se utilizará en dobre dirección, e non dos dous tubos de ida e volta con que se deseñaban até a data.

Na conexión do AVE entre Olmedo e Ourense investíronse uns 1.000 millóns nos últimos cinco anos, pero só se aproveitará unha parte dese investimento

Dáse a circunstancia de que durante os últimos cinco anos na liña de conexión da AVE a Galicia ente Olmedo e Ourense investíronse cantidades próximas a 1.000 millóns na realización das obras de tendido do trazado e da plataforma de vía, e que o seu deseño e execución fixéronse cos estándares de máximos que se aplicaban ao tren veloz en toda España. Isto é, trazados en dobre vía con pendentes mínimas e radios de curva máximos para permitir explotacións a velocidades de até 350 quilómetros por hora. Agora só se aproveitará unha parte dese investimento.

 

Medo ás comunidades autónomas

Sorprende a discreción coa que se levou desde o Goberno, o Ministerio de Fomento e Adif esta radical transformación do modelo do AVE español, polo menos nos tramos que están aínda en execución ou en proxecto. Fontes do sector ferroviario estatal explicaron este segredo polo impacto negativo que tales medidas de axuste poidan provocar nos territorios afectados, Galicia, Asturias, Santander, País Vasco, Estremadura, Andalucía Oriental e Murcia despois de anos nos que a política practicada por todos os gobernos autonómicos pasaba por prometer unha conexión da AVE das máis altas prestacións.

Fontes do sector ferroviario cuestionan se ten sentido un investimento "estratosférico para tan pobres resultados" vista a baixa ocupación en tramos como o Ourense-Santiago

Estas mesmas fontes empresariais recoñecen que durante o tres últimas décadas foron beneficiarias de proxectos multimillonarios con diñeiro público dese modelo de AVE "das máis altas prestacións". Nos últimos tempos desde sectores da opinión pública e da propia industria, ponse en cuestión a viabilidade dun "tren veloz de ricos". A baixísima ocupación en tramos en servizo como o Ourense-Santiago de Compostela (agravados polo accidente do Alvia o pasado verán) cuestiona se ten sentido un investimento "estratosférico para tan pobres resultados".

No entanto, optar no axuste por tendidos en vía única é cualificado como unha "decisión decimonónica" que, no caso de que se produza o menor incidente, "poderá ter consecuencias dramáticas para a imaxe da rede ferroviaria española".

A intención de Adif é "adiantar o máis posible" a inauguración do servizo da AVE a Galicia, "aínda que para iso haxa que utilizar durante algún tempo vía única"

Fontes oficiais de Adif consultadas por eldiario.es afirman que a rebaixa dos estándares da AVE é "provisional" e que se volverá ao deseño inicial cando haxa dispoñibilidade orzamentaria. A intención de Adif é "adiantar o máis posible" a inauguración do servizo da AVE a Galicia, "aínda que para iso haxa que utilizar durante algún tempo vía única". Aseguran, con todo, que para a inauguración do tramo completo, prevista para 2018, o obxectivo é que a explotación se faga en vía dobre.

 

Vía única no resto da rede

A dramática situación financeira de Adif, que arrastra unha débeda de 15.200 millóns de euros, e este primeiro paso dado polo Goberno na conexión da AVE a Galicia anuncian que os recortes do tren veloz,  tanto nas limitacións de velocidade a 200-250 quilómetros por hora como na implantación da vía única, van estenderse a todos os tramos de rede nova.

Adif realizou estudos que indican que a nova estratexia podería afectar as liñas que unen Valladolid con León e Burgos, actualmente en construción. Neste escenario, haberá dobre vía entre Valladolid-Venta de Baños-Palencia, pero aproximadamente a metade dos 110 quilómetros de Palencia a León será de vía única. Igual sorte correrán 67 dos 75 quilómetros do tramo Venta de Baños-Burgos que conectará Castela-León coa chamada Y vasca e Francia.

No sur da rede son candidatos aos recortes os tramos Antequera-Selecta e Murcia-Lorca no denominado Corredor Mediterráneo.

Segundo a prestixiosa publicación ferroviaria británica IRJ, o túnel de Pajares na conexión entre León e Asturias non só terá tubo único, senón que manterá o ancho nacional no canto do europeo de toda a rede AVE. A conexión de Madrid con Estremadura e a fronteira con Portugal farase en vía única e "nin tan sequera estará electrificada", indica IRJ.

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento
Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.